Poio presiona á Xunta de Galicia para que poña en marcha o Plan de Transporte Metropolitano
Por Redacción
O goberno municipal de Poio reclama á Xunta de Galicia que poña en marcha canto antes o Plan de Transporte Metropolitano. A este plan adheriuse o Concello de Poio no ano 2010, comprometendo partidas económicas do orzamento municipal para propiciar o desenvolvemento de novas rutas e maiores frecuencias para o transporte en autobús.
Con todo, sete anos máis tarde a situación empeorou, segundo denuncia o concelleiro de Promoción Económica e Urbanismo, Gregorio Agís, que afirma que as frecuencias e as rutas cada vez son menores ata o punto de definir o sistema de tranporte público en Poio como "lamentable".
Sinala que a información sobre as liñas de transporte e horarios son insuficientes e que resulta inexplicable que unha estrada autonómica saturada de tráfico como a PO-308, que conecta Pontevedra con Sanxenxo pola costa, nunha contorna que vive do turismo conte cun sistema de transportes tan deficiente.
Por iso reclama ao goberno de Núñez Feijóo unha solución a través da posta en marcha do Plan de Transporte metropolitano que permita aos veciños desprazarse en autobús con comodidade a Pontevedra para realizar as súas xestións administrativas.