A Xunta avala o modelo de ordenación territorial de Cuntis
Por Redacción
A Xunta de Galicia avala o modelo de ordenación territorial proposto no Plan Xeral Ordenación Municipal (PXOM) que está en tramitación no Concello de Cuntis. O conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, brinda a este municipio a colaboración técnica e económica da Administración autonómica para que aprobe o seu plan.
Agustín Hernández mantivo este mércores unha reunión de traballo co alcalde de Cuntis, Antonio Pena Abal, ao que lle adiantou o contido do informe previo á aprobación inicial do PXOM.
Neste informe sinálase que o modelo de ordenación do axústase en xeral aos criterios fundamentais, ao ordenar integralmente o territorio, recoñecendo o sistema tradicional de asentamentos, establecendo para eles unha ordenación propia, definindo as necesarias proteccións para os terreos que as precisan, e previndo ámbitos para o futuro desenvolvemento de usos residenciais e produtivos.
Segundo indica a Xunta, dos datos do PXOM despréndese que se preserva do desenvolvemento urbanístico máis do 94% do territorio municipal, en base aos seus valores medioambientais ou culturais, de potencialidade agroforestal, de contorno de valgadas fluviais ou por presentar riscos en caso de ocupación, así como aqueles que deveñen do cumprimento das lexislacións sectoriais.
O conselleiro reiterou a colaboración e axuda da consellería para que o Concello de Cuntis conte cun plan xeral adaptado á Lei no prazo máis breve posible. Durante o encontro, indicouse que a tramitación na que deberá avanzar o concello é proceder á aprobación inicial do PXOM no Pleno.
Simultaneamente, expoñerase ao publico para a presentación de alegacións e recabaranse os informes sectoriais. Analizaranse as alegacións e as que se considere incorporaranse ao documento, así como as resultas dos informes sectoriais. Finalmente, o concello aprobará provisionalmente en pleno o documento e remitirao á Xunta para aprobación definitiva.
Na actualidade, o urbanismo en Cuntis réxese por unhas Normas Subsidiarias de Planeamento vixentes dende 1990.