Estudan fórmulas para mellorar a mobilidade peonil entre Portas e Caldas
Por Redacción
A Deputación de Pontevedra estudará como mellorar a mobilidade peonil e aumentar a seguranza viaria na estrada provincial que une os concellos de Portas e Caldas de Reis (EP-8004) e permitir que os veciños da zona vaian dun a outro concello camiñando.
Así o asegurou o deputado responsable de Mobilidade, Uxío Benítez, tras o seu encontro co alcalde de Portas, con quen se entrevistou para recoller as demandas do municipio relativas ás vías de titularidade provincial.
Nestes momentos a vía dispón dunha senda para os peóns que non ten continuidade nun treito, o que obriga aos veciños a vivir situacións de inseguridade viaria ao transitar directamente pola calzada.
Ademais de cuestións menores, o rexedor tamén expuxo ao delegado de Mobilidade a situación da estrada EP-0507 entre Portela-Valiñas-Portas, travesía que pasa polo núcleo do concello e que conecta os principais equipamentos (casa consistorial, centro de saúde, pavillón ou colexio) e que nalgúns tramos carece de beirarrúas.
Benítez destacou que a Deputación estudará a realización dunha actuación que permita mellorar a seguradide viaria e garanta unha mobilidade peonil en convivencia con outro tipo de desprazamentos.
Neste sentido, o deputado lembrou que a Deputación xa prevé instalar nesta estrada elementos de calmado do tráfico que obrigarán aos coches a baixar a velocidade coa que transitan.
En concreto, Benítez destacou que se instalarán tres pasos de peóns sobreelevados, pero subliñou que os técnicos provinciais trasladaranse ata a estrada coa intención de estudar se son necesarios máis elementos deste tipo ou é conveniente valorar outras actuación diferentes, como a elevación da plataforma da estrada ou melloras na tipoloxía da vía.