Cada vez menos pontevedreses escapan do catastro
Por Oskar Viéitez
A revisión catastral, realizada desde a Deputación de Pontevedra, segue sacando á luz miles de vivendas, naves, garaxes non declarados e actualizou o valor da propiedade naqueles concellos nos que non se inventariaba o seu parque inmobiliario desde hai anos.
Grazas a estas actualizacións, a recadación neste concepto sube case seis millóns cada ano. No ano pasado emitíronse aos 51 concellos que dependen do ORAL un total de 374.017 recibos e anúnciase que este ano o número será maior.
O presidente da Deputación, Rafael Louzán quixo destacar a porcentaxe de cobro do IBI no período voluntario que foi do 90% pero se se suman a este grupo os que pagan con recargo "en todos os concellos supérase o 92% dos cobros", o que demostra "a baixísima morosidade existente" nun momento de especial dificultade como o que estamos a vivir, o que agradece de xeito especial.
Sen esta revisión "algúns concellos poderían deixar de ingresar entre o 20 e o 30% do diñeiro que lle corresponde polo IBI".
Ademais de mellorar os ingresos nunhas arcas municipais, esta intervención catastral impulsada polo ORAL mediante o acceso informático aos padróns municipais, a revisión catastral e a remisión á axencia tributaria de listados con pontevedreses que residen fora da provincia é tamén unha cuestión de "xustiza con aqueles que si tributan puntualmente fronte aos que non".