Marín solicita unha subvención á Xunta para a reforma da Praza da Banda do río
Por Oskar Viéitez
O Concello de Marín solicitará unha subvención á Vicepresidencia da Xunta de Galicia para a humanización da Praza da Banda do río.
O obxecto é a recuperación do espazo público, realizando as obras precisas para dar cumprimento á normativa en materia de accesibilidade, humanizando a praza e dotándoa de bancos e espazos para uso dos veciños así como unha nova iluminación da praza e da estrada da Banda do Río; en definitiva abrir o espazo ao público, sanealo e poñer en valor o lugar.
As intervencións proxectadas, concrétanse na repavimentación con materiais nobres, mimetización dos elementos construtivos que desentonan co medio, ordenación do acceso á praza e integración de zonas axardinadas, mellora na iluminación e adaptación dos espazos para o uso xeral, suprimindo así as barreiras arquitectónicas existentes.
Esta praza está situada dentro do conxunto histórico na Banda do Río, no casco antigo e conta coa autorización de Patrimonio.
O orzamento das obras que se pretenden levar a cabo este ano ascende a 39.974,19 euros, e licitarase en canto sexa aprobada a subvención solicitada.
PINTADO VIARIO DE PRAIAS
O tempo seco está a facilitar os labores de mantemento que desde a área de Medio Ambiente e Turismo do Concello de Marín levan a cabo no viario de praias.
Son traballos de limpeza, mellora, reposición de mesas e agora tamén, o pintado das zonas máis utilizadas como aparcadoiro na contorna de Portocelo e de Mogor.