A Mancomunidade do Salnés pide máis prazas para o Obradoiro de Hostalería
Por Redacción
A Mancomunidade do Salnés pedirá que o próximo ano se incremente o número de alumnos que poidan participar do Obradoiro de Hostalería que se imparte nas instalacións de Nauta Sanxenxo.
O presidente da mancomunidade, Gonzalo Durán, e o delegado de Turismo e alcalde de Sanxenxo, Gonzalo Pita, fixeron balance da actividade este mércores e destacaron que o obradoiro, no que están a participar 10 alumnos no módulo de cociña e outros días no de sala, logra unha inserción laboral do 100%.
Gonzalo Pita explicou que ao longo destes meses moitos restauradores e hostaleiros xa se interesaron en ofrecer aos alumnos posibilidades de traballo a partir do próximo mes de marzo, mes no que conclúe a formación.
O obradoiro impartíase antes na actual Pousada da Lanzada, no Grove, pero cambiouse para Nauta Sanxenxo no medio dunha polémica. A este cambio de localización referíronse este mércores ao indicar que a Xunta de Galicia deberá aprobar onde se impartirá o próximo ano, pero Gonzalo Durán mostrouse contundente á hora de defender as actuais instalacións de Sanxenxo fronte ás previas.
"Alí o frío entraba por todos lados e iso influía na calidade da formación. Hoxe en día non hai unha proposta mellor que a de Sanxenxo, sen esquecer que é o referente turístico por excelencia de Galicia. Esta é a localización lóxica", sinalou. Esas instalacións son un local de 500 metros cadrados con vistas sobre o porto deportivo de Sanxenxo que ten capacidade para acoller un maior número de alumno.
Ao longo deste últimos catro meses o obradoiro utilizouse para a promoción turística de toda a comarca. Polas mesas servidas polos alumnos pasaron varios grupos de operadores de turismo, que puideron degustar menús especiais cos produtos tradicionais da gastronomía galega como base e elaborados tamén por alumnos da escola.
O proxecto está a coñecerse, e imitando fóra do Salnés. De feito, a iniciativa foi solicitada recentemente por Andalucía, que estuda poñer en marcha unha capacitación profesional similar, e na recente feira de Fitur tamén se interesou a Mancomunidade de Valencia.
Relacionadas:
-
O Obradoiro de Hostalería do Salnés arela repetir o 100% de inserción laboral
Por Redacción |
-
Rueda clausura o Obradoiro de Hostalería do Salnés
Por Oskar Viéitez |
-
A demanda de profesionais do sector turístico apuntala a súa formación en Sanxenxo
Por Redacción |
-
Sanxenxo aproveitará o Obradoiro de Hostalería para a promoción turística
Por Redacción |
-
Sanxenxo queda co obradoiro de hostalería do Grove
Por Redacción | Creada e actualizada