Pontevedra, entre as cidades galegas cun maior nivel socioeconómico
Por Alejandro Espiño
Un estudo da Universidade de Vigo situou a Pontevedra entre as cidades galegas con maior nivel socioeconómico. Este observatorio urbano destaca, entre outras cuestións, que ten a poboación máis nova e mellor formada de Galicia, conta cunha evolución positiva do paro e da creación de empresas e, socialmente, é a cidade máis cohesionada de Galicia.
Esas son as principais conclusións deste traballo, realizado polo grupo de investigación G4 Plus e no que participaron unha vintena de persoas. Así, analizáronse máis dun millón de datos socioeconómicos para facer un diagnóstico da realidade pontevedresa e unha comparativa coas outras seis grandes cidades galegas.
Este observatorio, que foi encargado tras unha petición do Consello Económico e Social (CES), permitirá ao Concello contar con datos "obxectivos" para avaliar e deseñar as políticas de actuación municipais e corrixilas "se é preciso", segundo destacou a concelleira de Promoción Económica, Anabel Gulías.
As 250 páxinas das que consta este estudo recollen 185 indicadores socioeconómicos básicos que revelan, segundo o seu director, Pedro Figueroa, que Pontevedra alcanza unha posición "medio-alta" con respecto ao resto de cidades galegas, xa que o 83% destes indicadores son positivos. Trátase, en todo caso, de datos relativos ao exercicio 2015.
Pontevedra acada os mellores resultados nas cuestións referentes á cohesión social ou nos indicadores demográficos e económicos.
Así, é a única gran cidade galega cun crecemento vexetativo positivo e conta coa poboación máis nova e con maior nivel de estudo. Tamén rexistra un bo comportamento na evolución do desemprego e na creación de empresas e conta, xunto con Vigo, coa menor débeda vida de todas as grandes cidades galegas.
Pedro Figueroa tamén destacou que os datos recollidos demostran que Pontevedra tamén está á cabeza en Galicia en infraestruturas deportivas, en participación en procesos electorais, no uso da súa biblioteca nodal ou é onde os seus habitantes máis emprego fan do móbil e do computador.
Pero non todos os datos son positivos. Pontevedra tamén "suspende" noutros indicadores. O máis sorprendente, segundo os autores do observatorio, é o baixo nivel de renda media tanto a nivel individual como de familias "cando a percepción que se ten pola rúa pola forma de consumir na cidade é diferente", explicou Figueroa.
A cidade do Lérez tamén se sitúa nos postos baixos das grandes cidades en construción e rehabilitación de edificios, no número de prazas hostaleiras dispoñibles, na matriculación de vehículos ou nos servizos de atención primaria e centros asistenciais que dependen da Xunta de Galicia.
Necesita mellorar, doutra banda, en número de fogares con conexión a Internet, na taxa de risco de pobreza, na contía do salario que reciben os traballadores ou no nivel do seu produto interior bruto, segundo se reflicte nas conclusións deste observatorio.
O estudo, ademais de colgarse na páxina web do Concello, servirá para que o CES poida comprobar "cál é o taboleiro de xogo" da cidade, destacou Anabel Gulías, para adoptar as medidas necesarias para mellorar estes indicadores socioeconómicos.