Estudar entre Pontevedra e Sao Paulo, próximo obxectivo do grao de Dirección e Xestión Pública
Por Redacción
Acadar un título oficial recoñecido tanto en España como en Brasil. ÿ o obxectivo das universidades de Vigo e São Paulo. Ambas traballan na posta en marcha dunha dobre titulación internacional, neste caso para o grao en Dirección e Xestión Pública, que se imparte no campus de Pontevedra. A idea é que ambas universidades poidan ofrecer a posibilidade da dobre titulación o vindeiro curso.
Así o avanzaron o profesor Alessandro Soares da Silva, docente do Grao de Xestión de Políticas Públicas da Universidade de São Paulo, e o vicerreitor de Relacións Internacionais, Manuel Fernández Iglesias. Os dous destacaron a Brasil como un país estratéxico, tanto polo elevado apoio que están a dar ao ensino superior como pola súa boa situación en canto a mercado de traballo, xa que nestes intres as súas cifras de desemprego non superan o 4%.
Neste sentido, Manuel Fernández Iglesias subliñou que a implantación de dobres titulacións dá un valor engadido importante aos programas de estudo de calquera universidade, especialmente se se trata dun país como Brasil e, en xeral, toda Latinoamerica "xa que ao estar fóra do Espazo Común Europeo permite acreditar profesionalmente ao noso alumnado nun espazo ao que non lles é tan sinxelo acceder".
A falta de ultimar os detalles concretos, o alumnado matriculado na dobre titulación tería a posibilidade de estudar un mínimo de un e un máximo de dous anos na universidade socia e, unha vez superados todos os créditos da titulación, obter os títulos de ambas universidades. Coa actual estrutura dos plans de estudo de catro anos, a idea é que o alumnado español curse os seus estudos en Pontevedra os primeiros dous anos, mentres que o terceiro ou cuarto, "ou incluso ambos", se cursen na universidade socia, neste caso Brasil.
Alianza estratéxica entre ambos centros
Ao encontro co vicerreitor asistiu tamén o profesor do grao en Dirección e Xestión Pública, Álvaro Xosé López Mira, e o profesor de Historia de América na Universidade de Vigo, Carlos Sixirei, que destacaron que este acordo, ademais dun motivo de orgullo "xa que se trata da universidade máis prestixiosa de Latinoamérica", supón establecer unha alianza estratéxica cunha universidade de "enorme categoría, tamaño e recursos".
Durante o proceso de negociacións resultou tamén determinante o feito de que se trata de dúas universidades que pertencen á mesma área lingüística, e doutra banda, "tampouco hai que esquecerse que Vigo forma parte dos proxectos universitarios da Unión Europea e estamos a facer unha oferta que é valiosa e importante para unha universidade latinoamericana que ve como se abre un espazo novo de colaboración universitaria que non só abrangue o estado español, senón que vai moito máis alá".