A conselleira de Medio Rural comprométese a buscar solucións para as parcelarias en Meis
Por Redacción
A conselleira de Medio Rural, Ángeles Vázquez e o alcalde do Concello de Meis, José Luis Pérez, mantiveron unha reunión para analizar a situación actual das cinco concentracións parcelarias que se atopan abertas para determinar as actuacións que se van a desenvolver en cada unha delas ao longo do presente ano.
A conselleira indicou ao representante municipal que se traballará desde a Xunta para lograr a firmeza do acordo nos procesos de Paradela e San Salvador de Meis. Nas outras tres concentracións parcelarias correspondentes a dous sectores de San Martiño Armenteira e Nogueira, Ángeles Vázquez indicou que se tentarán resolver as trabas administrativas que lles afectan para impulsar estes procesos.
O alcalde indicou a necesidade de mellorar as vías de comunicacións e aumentar a base territorial das explotacións da zona. As cinco parcelarias abarcan case 3.000 hectáreas, pertencentes a 5.549 propietarios.
José Luis Pérez Estévez tamén abordou outros aspectos relacionados coa mellora das condicións de vida da poboación rural e realizou suxestións para o fomento de emprego no rural para os máis novos.