O 'Maradona' pontevedrés, tres anos de prisión por trapichear con droga
Por Natalia Puga
O pontevedrés Ramiro C.M., coñecido como 'Maradona', aceptou este martes cumprir tres anos de prisión e pagar unha multa de 5.000 euros como autor dun delito contra a saúde pública por trapichear con droga tanto nas inmediacións da súa casa como noutros lugares públicos da cidade de Pontevedra.
O home, en prisión preventiva por esta causa desde xuño de 2016, sentou no banco dos acusados da Sección Cuarta da Audiencia Provincial de Pontevedra xunto a un segundo procesado, Isidro A.V., que tamén se confesou autor dun delito contra a saúde pública e asumiu un ano e medio de prisión e unha multa de 134,16 euros.
Os dous acusados xa chegaran a un acordo de conformidade coa Fiscalía da Audiencia Provincial antes da celebración da vista e este martes limitáronse a recoñecerse autores dos feitos e aceptar a pena imposta, que se plasmará xa nunha sentenza firme que ambos se comprometen a non recorrer.
Ademais, no caso de Isidro A.V., evitará o ingreso en prisión, pois se acordou suspender a súa pena baixo condición de que non delinca nun prazo de tres anos.
'Maradona' foi detido pola Policía Nacional por vender cocaína polo miúdo nas inmediacións do edificio no que residía tras constatar os axentes varias operacións de venda de drogas a pequena escala. Xa no seu domicilio, durante un rexistro autorizado polo xulgado, incautáronlle cocaína, cannabis e marihuana por valor de 7.382 euros, ademais de móbiles e útiles para o corte e distribución da droga e 3.450 euros en efectivo.
As vixilancias policiais tamén permitiron descubrir a Isidro A.V. mentres entregaba unha pequena cantidade de estupefaciente na praza da Curtidoira.