O Bloque pide a laicidade do Concello de Cuntis
Por Oskar Viéitez
O BNG de Cuntis defenderá no pleno ordinario deste vindeiro xoves 26 de xaneiro unha moción pola cal se pretende promover a liberdade de conciencia e a non confesionalidade estatal do Concello de Cuntis.
A moción busca, entre outras cuestións, garantir e fomentar a liberdade de conciencia individual e a independencia efectiva das administracións públicas con respecto a calquera confesión relixiosa, "asegurando a neutralidade ideolóxica das administración públicas".
Así, preténdese establecer o laicismo das institucións no ámbito municipal e a defensa e fomento dos dereitos humanos así como da liberdade de pensamento e conciencia.
Entre outras cuestións, os nacionalistas piden que se suprima todo tipo de simboloxía relixiosa nos actos oficiais e nos espazos de titularidade pública que dependan do Concello. Tamén quere que os actos oficiais sexan exclusivamente civís e, ademais, os representantes eclesiásticos de calquera confesión non serán convidados, en calidade de autoridade pública, a actos civís.
Dende o Concello tampouco se organizarán honras ou votos públicos a advocacións, santos, imaxes ou simboloxía representativa relixiosa. Todos os edificios e instalacións dependentes da administración local estarán exentos de calquera tipo de simboloxía relixiosa ou doutra natureza ideolóxica particular.
A moción do BNG tamén insta ao Concello de Cuntis a que elabore un censo público das propiedades de calquera confesión relixiosa, exentas de pagar o Imposto de Bens Inmobles (IBI).
Entre o máis chamativo, piden que o Concello facilite que as cerimonias civís (acollida, matrimonio e funerais) se poidan celebrar sen obstáculos, e que se abra un "rexistro municipal de cerimonias funerarias".