O goberno provincial destina 2,2 millóns de euros para financiar servicios sociais de 52 concellos
Por Oskar Viéitez
A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra vén de aprobar este luns as bases do plan de cofinanciamento dos servizos sociais comunitarios municipais para o ano 2017.
En rolda de prensa, a presidenta da institución provincial, Carmela Silva, informou que esta actuación busca apoiar ás corporacións locais dos 52 concellos da provincia con menos de 20.000 habitantes para que poidan prestar os seus servizos sociais.
Grazas a esta actuación do servizo de Cohesión Social e Xuventude, fináncianse o Servizo de Axuda no Fogar (SAF), a contratación de persoal técnico dos equipos municipais de servizos sociais comunitarios básicos, tamén persoal administrativo e o servizo de Educación Familiar.
Este é o ano cun maior reparto inicial económico do plan, "o que volve amosar o absoluto compromiso da Deputación de Pontevedra coas políticas sociais" xa que este ano arrancará con 2,12 millóns de euros, un 2% máis que o ano anterior.
"Esta cantidade podería aumentar aínda máis se houbese máis cartos dispoñibles, como a finais do ano pasado cando ampliamos en 160.000 euros esta partida", puntualizou Silva.
Unha das partidas máis importantes deste plan e a destinada ao Servizo de Axuda no Fogar (SAF), un total de 1.226.000 euros. O SAF presta atención ás persoas maiores con déficit de autonomía e ás persoas con diversidade funcional, especialmente cando carecen de apoio persoal no seu medio inmediato.
Tamén dá unha resposta preventiva, educativa e socializadora fronte a diversas situacións de familias en risco de exclusión social.
TELEASISTENCIA DOMICILIARIA
Na rolda de prensa deste luns Carmela Silva tamén fixo balance das actuacións desenvolvidas polo servizo de teleasistencia domiciliaria da institución provincial que atendeu, ó longo do ano pasado, 4.912 alarmas correspondentes a 436 terminais instalados en fogares de 47 concellos da provincia con menos de 20.000 habitantes.
O tempo medio de atención foi de 12,1 segundos e o de resolución de incidencias foi de 1,8 minutos.
Este servizo da Deputación presta unha "resposta inmediata, efectiva e continuada", as 24 horas do día e os 365 días do ano a través dun terminal asociado a liña telefónica, que instalado no domicilio das persoas usuarias e con so premer un botón permite establecer unha comunicación directa a través do sistema "mans libres" desde calquera punto da casa.
A través do servizo de teleasistencia préstanse os servizos de apoio inmediato a demandas de angustia, soidade, accidentes domésticos, mobilización de recursos ante situacións de emerxencia sanitaria, persoal ou social, presta seguimentos permanentes dende o centro de atención mediante chamadas telefónicas periódicas, e xestiona axendas para recordar á persoa usuaria datos importantes sobre toma de medicación ou realización de xestións.
No ano pasado rexistráronse 110 altas novas, trinta e oito máis que no 2015, o que supón unha media de 9,2 altas mensuais fronte ás 6 do ano anterior. Sanxenxo e o concello con máis persoas usuarias. De feito, no 2016 ambos concellos sumaron 29 novas altas.
O ano pasado houbo 330 visitas de seguimento e coordinación, incluíndo as visitas por incidencia técnica, e cinco xornadas de convivencia entre a totalidade dos usuarios.