As tres alegacións ao orzamento municipal serán desestimadas
Por Alejandro Espiño
Os técnicos municipais coinciden. Ningunha das tres alegacións presentadas ao orzamento do Concello para 2017 será admitida. Trátase de reclamacións presentadas polo Partido Popular, Comisións Obreiras e a asociación animalista Libera.
O portavoz do goberno municipal, Raimundo González, explicou que a alegación presentada polo PP non será admitida a trámite porque senllos informes, do servizo de Intervención e do secretario do pleno, conclúen que un grupo político con presenza na corporación non está "lexitimado" para participar neste proceso.
Este proceso de alegacións, segundo Raimundo González, "é para cidadáns e colectivos" e non para partidos políticos "que tiveron a oportunidade" de participar na elaboración do orzamento.
Pola súa banda, Comisións Obreiras aseguraba na súa alegación que o orzamento non fora negociado e que non fora exposto na sede electrónica do Concello. Ambas as cuestións son refutadas por un informe de Persoal, que demostra que si houbo contactos coa xunta de persoal; e por Secretaría, que ratifica que si foi exposto na web do concello.
A terceira das alegacións foi a presentada por Libera. O colectivo animalista pedía destinar 50.000 euros para diferentes iniciativas, un diñeiro para restar das partidas de festas, subvencións ou asignacións a grupos políticos.
Segundo o edil do BNG, a lei non permite presentar alegacións neste sentido, ao estar "taxadas" as causas. Só acéptanse a trámite as que aleguen defectos na tramitación do orzamento, as que alerten de que non hai crédito necesario ou as que denuncien que os ingresos son manifestamente insuficientes.
Así, o BNG espera que o orzamento sexa aprobado definitivamente no pleno do próximo venres 27 de xaneiro. Antes, estas alegacións serán tratadas na comisión de Economía que se celebrará este martes, onde se espera que se ratifique a súa non admisión a trámite, ao estar avalada polos técnicos municipais.
Relacionadas:
-
O orzamento municipal, ao xulgado: o PP confirma que recorrerá a súa aprobación no pleno
Por Alejandro Espiño |
-
O PP levará o orzamento municipal ante a xustiza
Por Alejandro Espiño |
-
O PP pide a nulidade da aprobación inicial do orzamento do Concello
Por Oskar Viéitez | Creada e actualizada
-
Propoñen destinar parte da asignación aos grupos políticos á creación de zonas de esparexemento para cans
Por Oskar Viéitez |