Centos de fieis celebran a tradicional romaría de San Vicente de Parada
Por Redacción
A romaría de San Vicente de Parada, en Ponte Caldelas, recuperou unha asistencia masiva de visitantes ao coincidir esta festividade nunha xornada asollada e en domingo. Desta forma, ao longo deste 22 de xaneiro, numerosos fieis achegáronse ata a ermida na que o Concello instalou unha carpa con oitenta mesas e capacidade para preto dun milleiro de persoas.
A carpa, segundo os datos do Concello, encheuse con reservas efectuadas con antelación. O menú, composto de polbo "á feira", carne "ao caldeiro" e cacheira. fixo as delicias dos asistentes. O propio alcalde Andrés Díaz, acompañado do tenente de alcalde, Enrique Vidal e da concelleira Pilar Couto, acudiu a esta cita festiva.
A festa contou coa actuación dos grupos musicais Nós tamén imos e Os Centellas, ademais da charanga Charandonga, despois de que os fieis participasen na misa en honra a San Vicente "o Pequeno", como se coñece popularmente ao santo, e na tradicional procesión.
O Concello sinala que acondicionou a zona da festa, coa recuperación do manancial que alimenta a fonte e o pozo de Santa Marta, no que a lenda conta que se atopaba un grade, un instrumento de labranza, de ouro dun labrador de Taboadelo, famoso polas súas colleitas.