Arrestadas tres persoas por tenencia e tráfico de armas e explosivos
Por Redacción
A Garda Civil detivo tres persoas, dous veciños de Lugo e un de Guntín, con idades entre os 42 e os 51 anos como presuntos autores dun delito de tenencia e tráfico de armas e explosivos.
Segundo informou o Instituto Armado, as detencións enmárcanse na denominada Operación Bucle, na que se interviñeron armas e explosivos. Concretamente nas inmediacións dunha vivenda unifamiliar de Vilanova de Arousa incautáronse unha arma curta e unha escopeta semiautomática cos canóns recortados, así como diversa munición para o seu uso.
Os axentes destacaron que estas armas atópanse en "estado óptimo para o seu uso" e carecen do preceptivo número de identificación.
Fontes da investigación sospeitan que as armas estaban destinadas á súa venda no mercado negro para unha utilización ilícita.
As persoas detidas foron postas a disposición do Xulgado de Primeira Instancia e Instrución Número 1 de Vilagarcía de Arousa.
Esta operación, explicou nun comunicado a Garda Civil de Lugo, enmárcase no Plan Integral para o Control de Armas de fogo, que busca exercer un "control exhaustivo" sobre todo tipo de armas de fogo e a súa implicación con calquera tipo de accións delituosas.
O instituto armado ten competencia exclusiva nesta vixilancia e busca de armas ilegais.
"Dadas as vinculacións entre o tráfico de armas, o crime organizado e as diferentes organizacións terroristas, a loita contra esta ameaza será unha das prioridades de seguridade tanto a nivel nacional como da Unión Europea", destaca a Garda Civil.