Primeira toma de contacto co futuro parque forestal da Tomba
As 62 hectáreas que ocupará o parque forestal periurbano da Tomba xa están a disposición do Concello. Técnicos da comunidade de montes de Campañó e da administración municipal comprobaron sobre o terreo as características dun espazo que está chamado a ser unha das xoias do patrimonio natural de Pontevedra.
Despois de redactar o anteproxecto, a próxima semana comezará o que o concelleiro do Rural, Demetrio Gómez, definiu como "traballo de gabinete" coa fin de concretar a proposta e abrir a porta á elaboración do proxecto definitivo e do proceso de licitación.
O parque do monte de A Tomba -tamén chamado Montecelo- está só a 4 quilómetros da praza da Peregrina e terá máis de 15 quilómetros de sendas peonís, con amplos tramos aptos para a práctica do ciclismo non deportivo.
Ademais do uso de lecer, o parque forestal será compatible coa explotación produtiva do monte: castañas, aceite -haberá unha plantación experimental de oliveiras- ou aproveitamento madeireiro, entre outras actividades.
Tamén, engadiu o concelleiro do Rural, na zona hai elementos patrimoniais que se porán en valor, como unha torre relacionada coas invasións viquingas, e xogará un papel determinante na prevención de lumes forestais.
O proxecto ten por diante un camiño de arredor de dous anos. Nunha primeira fase, feita a tramitación administrativa, procederase á limpeza e eliminación de especies invasoras e á preparación das pistas e sendas. A segunda fase será a de plantación.
O Concello prevé un investimento de 440.000 euros nos próximos dous anos no parque, que incluirá un miradoiro sobre Pontevedra.
Relacionadas:
-
Os traballos para acondicionar o parque forestal da Tomba durarán ata 2020
Por Alejandro Espiño |
-
Propoñen empregar parte da Tomba como refuxio de cabalos
Por Redacción |
-
O parque forestal da Tomba abarcará finalmente 83 hectáreas
Por Alejandro Espiño |
-
O souto máis extenso da provincia estará en Campañó
Por Alejandro Espiño |