RADIO.- Ano novo, propostas novas para Pontevedra ten un puntazo
Por Marisa Ciordia
Paula Salgueiro e Iria Viñas son Elefantes de cacharrería. Ademais de ser unha empresa adicada á organización de eventos ou ao "deseño de momentos únicos e irrepetibles", como se definen; tamén xestionan o proxecto Pontevedra ten un puntazo.
Neste segundo programa explican en PontevedraViva Radio como se desenvolveu a iniciativa do Concello de Pontevedra ao longo do último ano. Un proxecto que conta xa cun centenar de empresas innovadoras que teñen a súa sede nesta cidade. Para este novo ano 2017 o proxecto vai seguir expandíndose con novas accións que sigan dando visibilidade e apoio a todas estas iniciativas empresariais.
Aproveitamos para coñecer tamén a Elefantes de cacharrería, que xurdiu en plena crise e xa van polo seu cuarto ano de actividade. Aprenderon deses erros que poden acompañar os comezos empresariais, e neste sentido ven no "Puntazo" unha proposta importante xa que comporta un ámbito de formación que resulta fundamental para os proxectos que arrancan.
Desde celebracións privadas como vodas, comuñóns, festas... ata eventos de entidades públicas ou privadas. Iria e Paula buscan darlle un "selo persoal de Elefantes de cacharrería" a todo aquilo que organizan.