O Concello de Marín financiará con 38.650 euros por curso a escola infantil de Seixo
Por Redacción
A corporación municipal de Marín debaterá en pleno o convenio coa escola infantil de Seixo para asumir gastos de mantemento, despois de ser tratado na comisión informativa de Medio ambiente e Benestar Social.
A escola púxose en marcha cando en febreiro de 2014, o Consorcio e o Concello de Marín asinaron un acordo para a súa construción e quedaba pendente un convenio para atender os gastos de funcionamento do centro.
O convenio que se quere aprobar no próximo pleno propón dar continuidade ao servizo que xa se prestou baixo a fórmula do convenio na escola infantil de San Pedro.
O custo medio por praza e ano é de 4.500 euros e a achega municipal é de 1.500 euros, unha terceira parte do total. O Concello asumirá o custo medio dos gastos de mantemento fixados en 600 euros por praza e ano, a achega sería de 900 euros e o importe global estimado de custo da gardería para as 41 prazas que se ofertan alcanzaría os 36.900 euros aos que habería que sumar os gastos de alarma, teléfono e reparacións, ascendendo a un custo anual de 38.650 euros, segundo apunta o goberno municipal de Marín liderado por María Ramallo.
Actualmente na escola infantil de Seixo atópanse matriculados 40 menores e só hai tres prazas dispoñibles para casos de emerxencia social. 31 menores comen no centro e 4 deles meriendan, tendo 4 casos de intolerancias alimentarias en estudo.