Este venres, 20 de xaneiro, o Teatro Principal volverá un ano máis a vestir de gala para acoller o pleno de honras para a entrega dos Premios Cidade de Pontevedra. Dadas as entidades que para esta edición propuxeron aos gañadores, así como os motivos polos que foron nomeados e que o xurado tivo en conta, será unha sesión sen dúbida cun alto contido social.
Ángela Paz recibirá o premio no apartado de persoas físicas. O seu nomeamento veu de man da Asociación Socioeducativa e Cultural Paspallás; precisamente ela fundaba a súa Escola de Tempo Libre en 1999. Esta foi unha das entidades coas que Ángela - dunha empatía, xenerosidade e calidade humana a destacar -, colaborou na súa traxectoria profesional e vital. Afirma que o nomeamento lle veu de sorpresa e que o mellor de todo iso foi "poder coñecer a tantas persoas con algunha discapacidade e que agora me chaman para felicitarme, polo que entendo que tan mal non o fixen".
A enfermidade de Crohn que lle afecta, e levoulle a un "desterro hospitalario" derivou na fundación Paspallás co obxectivo de traballar "nos valores, violencia de xero, igualdade, respecto e calidade de vida". Ninguén escolle unha enfermidade, afirma, pero si como vivila. Posteriormente, precisamente para mellorar a calidade de vida das persoas enfermas tamén impulsou a creación da Asociación Socio Sanitaria Educativa Inflamatoria Intestinal (ASSEII).
Outro ámbito social, o do servizo da xustiza gratuíta e poñer freo aos desafiuzamentos, é o que fixo que varios colectivos como Rexurdir, propuxesen ao Colexio Provincial de Avogados de Pontevedra a este recoñecemento. O seu decano Ramón Jáudenes, Tamén agradece o feito de que vaian recibir este premio sen tomar parte da candidatura. "Tomámolo como estímulo para seguir bregando nesta tarefa pola defensa dos dereitos humanos e os dereitos individuais".
Este premio Cidade de Pontevedra súmase a outros recoñecementos que recibiron en 2015 a instancias de Amigos de Pontevedra e da Confederación Galega de Asociacións de Veciños; igualmente polo labor social dos seus colexiados e da propia entidade colexial. "Emociona que os nosos veciños estean atentos ao que facemos por eles: velar polos seus dereitos e liberdades individuais, polos que nada teñen e os que teñen tamén".