Ence acusa o Concello de "enganar á cidadanía" difundindo "datos falsos" sobre as súas verteduras
Por Oskar Viéitez
A empresa Ence di que é "absolutamente falsa" a afirmación do Concello de Pontevedra na que sinala que a fábrica de Lourizán incumpriu cinco veces no ano 2013 a norma ambiental en relación coa súa vertedura. "O resultado é que se engana á cidadanía sobre un tema moi sensible e de alto impacto para a economía local", di a compañía pasteira nun comunicado
A "realidade", según Ence-Pontevedra, é que a súa fábrica "cumpre rigorosamente todas as normas ambientais que lle son de aplicación". Xunto ao Concello de Pontevedra apuntan que a Asociación pola Defensa da Ría (APDR) tamén insiste "malintencionadamente" en que Ence debe cumprir as normas de tratamento de augas residuais urbanas, "algo que non é certo", engaden.
Ence quere resaltar que o tratamento do efluente da súa fábrica de Lourizán "non ten nada que ver co das augas residuais urbanas de Pontevedra". Ence di depurar as súas augas nas súas propias instalacións de tratamento e despois mide a súa calidade. Posteriormente, evacúaas a través dunha tubaxe propia que, máis adiante conecta co emisario ao que verten as súas augas a EDAR da cidade de Pontevedra. "Ambos os tratamentos son completamente independentes", sosteñen.
Dende a empresa de celulosas lembran que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) "deixou claro" en sentenza firme de febreiro de 2015 "que a empresa cumpre coa normativa ambiental comunitaria", desestimando un recurso da APDR no que se denunciaba o suposto incumprimento por parte da empresa da directiva europea de tratamento de augas residuais. "A APDR perdeu e tivo que pagar as costas", resumen.
Estas mesmas fontes indican que as normas que aplican ás verteduras industriais son "extremadamente claras e non son opinables", xa que establecen parámetros que determinan o cumprimento. "No caso de Ence Pontevedra, o cumprimento é máximo", engaden.
"Non só se mellora moi substancialmente o estipulado na autorización ambiental integrada (AAI) senón que os indicadores ambientais melloran en máis dun 80% o estipulado polas normas da Unión Europea. De aí, por exemplo, que o selo ecolóxico máis recoñecido da industria do papel, Nordic Swan, promovido polos gobernos dos países nórdicos, considere a pasta de celulosa de Ence Pontevedra como altamente ecolóxica. Ou que a única empresa de Galicia recoñecida en categoría ouro polo seu compromiso ambiental sexa Ence Pontevedra", reza o comunicado difundido pola compañía.
Para rematar o escrito destaca que "o emisario da Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) foi construído por Ence e, ao que posteriormente, sumouse a EDAR da cidade de Pontevedra, que foi denunciada o ano pasado polo Tribunal de Xustiza da Unión Europea por incumprimento de Pontevedra en materia de depuración das augas residuais urbanas".
Relacionadas:
-
Medio Ambiente sinala que Ence cumpre co esixido pola autorización ambiental
Por Redacción |
-
O Concello acusa a Ence de incumprir de forma "reiterada" os parámetros da súa concesión
Por Alejandro Espiño |
-
Seis construtoras optan á execución das obras de integración paisaxística da fábrica de ENCE
Por Oskar Viéitez |