Os socialistas pontevedreses queren "eliminar as políticas caciquís do PP"
Por Redacción
Os socialistas da provincia de Pontevedra mostraron este martes o seu rexeitamento ás políticas que desenvolve o Partido Popular a través da Xunta de Galicia, que cualifican de "caciquís", e de manter as discriminacións aos concellos que non son gobernados pola mesma forza política de Alberto Núñez Feijóo.
Os deputados provinciais, autonómicos e estatais ademais dunha ampla representación de alcaldes, voceiros municipais e secretarios das sesenta e dous agrupacións locais do PSdeG-PSOE da provincia de Pontevedra, mantiveron o martes un encontro de traballo en Pontevedra para analizar diversos aspectos da actuación política. Este encontro contou coa participación da presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva.
O secretario xeral provincial desgranou ante os socialistas da provincia as iniciativas que está a desenvolver á fronte da Deputación de Pontevedra e puxo, como exemplo da colaboración institucional o Plan Concellos, polo que os concellos da provincia teñen á súa disposición axudas e subvencións para desenvolver os proxectos que eles consideren necesarios nos seus municipios.
Un dos acordos adoptados na xuntanza foi esixir a Xunta de Galicia a que poña en marcha un proxecto similar ao Plan Concellos da Deputación de Pontevedra para que cada concello poda decidir o destino dos investimentos.
Por outra parte, o secretario xeral do PSdeG-PSOE, Santos Héctor, denunciou a "discriminación que están a sufrir concellos gobernados por outras forzas que non son o Partido Popular por parte da Xunta de Galicia". Subvencións que "varían nas súas cantidades dun ano para outro", infraestruturas que conclúen as súas modernizacións "xusto no límite do concello gobernado polo Partido Popular", ou arranxos "só en certos colexios" son algúns dos exemplos do "trato diferenciado dependendo da cor política do seu alcalde ou alcaldesa".
Foi o deputado autonómico, Abel Losada, quen interveu para falar das emendas que os socialistas van presentar aos orzamentos da Xunta que reclaman investimentos en temas sanitarios, sobre os centros educativos, infraestruturas viarias ou o saneamento das rías.
Pola súa banda, o deputado Guillermo Meijón subliñou que os deputados socialistas galegos van a prestar atención aos orzamentos xerais do estado para que a provincia de Pontevedra teña as inversións necesarias. Meijón cualificou de "cicateros" os últimos orzamentos do Partido Popular e destacou que "están pendentes importantes inversións no AVE e a saída sur do tren en Vigo".
Por último, os asistentes se mostraron partidarios de emprender unha campaña de iniciativas políticas nos concellos e nos parlamentos autonómico e estatal sobre a necesidade de aplicar criterios transparentes e obxectivos ás axudas e subvencións de ambas administracións, así como melloras en centros educativos e de saúde, a necesidade de implantar o transporte metropolitano en toda a provincia non só na área de Vigo ou a limpeza das canles dos ríos para evitar inundacións cando comecen as fortes choivas.