San José construirá dous edificios gobernamentais no Congo por 58 millóns
Por Oskar Viéitez
O Goberno da República do Congo - Brazzaville adxudicou a San José Constructora as obras de edificación da nova sede do Ministerio do Interior e da Descentralización no centro da cidade de Brazzaville por 58.489.247 euros.
Desde o Grupo San José, a primeira constructora galega, presidida por Jacinto Rei, con sede social en Pontevedra e base operativa en Madrid, explicaron que o proxecto consta dunha superficie total construída de 44.000 m² distribuídos en dous edificios (un de dez plantas de altura e outro de nove) unidos por dúas pasarelas.
Cada un dos edificios albergará oficinas dos diferentes departamentos do Ministerio distribuídas en varias plantas.
Esta nova adxudicación ven reforzar a estratexia de expansión de Grupo San José neste continente e supón a súa implantación en África central. Actualmente conta cun acordo de colaboración co Goberno de Mozambique para a construción de 100.000 vivendas (África oriental), está executando varios resorts cinco estrelas en Cabo Verde e está ofertando importantes proxectos no norte de África.