O PP volve facer pinza con Agís para derrogar o regulamento orgánico de Sanxenxo
Por Redacción
Sanxenxo queda sen regulamento orgánico para regular os seus plenos. Así o acordou a corporación municipal que, cos votos a favor de Partido Popular e do concelleiro non adscrito, aprobou derrogar esta normativa.
A proposta de derrogación parte do PP, que en 2009 propuxo e aprobou este regulamento, o que levou ao portavoz do goberno para afirmar no transcurso da sesión plenaria que os populares "necesitan un regulamento cando goberna e outro distinto cando está na oposición".
O goberno local, formado por SAL, PSdeG-PSOE e BNG, non considera urxente nin prioritaria a derrogación do regulamento e está convencido de que a única motivación do Partido Popular con esta proposta é "dar cobertura aos seus intereses como grupo da oposición".
Na súa intervención final, Gonzalo Pita chamou a atención sobre o feito de que o celebrado esta mañá é o primeiro pleno extraordinario solicitado polo Partido Popular no que vai de lexislatura e destacou que "é lamentable que o PP pensé que este é o asunto de máis importancia que ten que afrontar Sanxenxo nestes momentos".
O regulamento agora derrogado, segundo o Concello, permitía ao Partido Popular ter presentado nesta lexislatura 27 mocións, pero só presentou 11. Tamén lle daba a oportunidade de formular 36 rogos e outras tantas preguntas, pero os populares só levaron a pleno desde o inicio desta lexislatura 2 rogos e 9 preguntas.
O alcalde lembrou á oposición que desde xullo calquera colectivo que desexa intervir nos plenos, pode facelo sempre que sexa de interese.
Neste sentido, informou á oposición de que o goberno local xa comezou a traballar na elaboración dun regulamento de participación cidadá, polo que proximamente abrirá un prazo para que veciños particulares e colectivos poidan trasladar propostas.