O Concello estuda "premiar" os barrios que mellor reciclen cunha rebaixa no recibo do lixo
Por Alejandro Espiño
Entre 10 e 30 euros ao ano para cada fogar. Ese é o "premio" que estuda implantar o Concello de Pontevedra para aqueles barrios que mellor reciclen, unha vez se poña en marcha o sistema de compostaxe municipal na cidade. Así o avanzou este luns o portavoz do goberno municipal, Raimundo González.
O Concello acordou iniciar os trámites para a redacción dun estudo que permita "axustar" as tarifas que paga cada fogar pontevedrés polo servizo de recollida de lixo. Preténdese facer, en todo caso, "á baixa".
A decisión tomouse ao ter en conta que, coa entrada en funcionamento do sistema de compostaxe e a futura planta da Canicouva, reducirase a fracción orgánica no lixo que xeran os cidadáns, polo que o custo do servizo debería ser menor para o Concello de Pontevedra.
Esta rebaixa na factura sería "gradual", segundo o edil do BNG. Os barrios e as parroquias que se vaian incorporando a este sistema serían os primeiros en poder acceder a estes beneficios fiscais. Iría vinculado tamén aos "resultados". Teríase non só en conta o volume do lixo reciclado senón tamén a calidade do compost que se produza.
"Se a separación que se fai é boa vai a ter un beneficio superior a ser é mediocre", explicou o responsable da facenda local.
Ademais, non serían descontos individuais senón que estarán ligados á implicación de todo o barrio neste sistema de reciclaxe orgánica. É dicir, se dita área urbana ou rural asume o sistema de compostaxe de forma óptima, a rebaixa na factura será para todos os seus habitantes.
Actualmente, cada fogar urbano para unha taxa anual de 131 euros por este servizo e cada domicilio no rural abona 72 euros. Así, o Concello ingresa uns 5,8 millóns de euros ao ano para sufragar a recollida de lixo. Con estes descontos, o goberno municipal calcula que se reducirá esta cantidade nuns 800.000 euros.
Relacionadas:
-
RADIO.- Reciclamos e compostamos por beneficio ou por conciencia?
Por Marisa Ciordia |
-
Pontevedra acollerá un congreso escolar sobre compostaxe
Por Oskar Viéitez |
-
Os composteiros de Monte Porreiro e Campolongo atenderán a máis de 8.000 veciños
Por Redacción |
-
Monte Porreiro e Campolongo, primeiras áreas urbanas en completar o sistema de compostaxe
Por Alejandro Espiño |