As chamadas dos pontevedreses ao 091, centralizadas en Vigo
Por Natalia Puga
As chamadas dos cidadáns de toda a provincia de Pontevedra ao 091, o número de atención telefónica da Policía Nacional, están desde este luns centralizadas na Comisaría de Vigo. Ata agora, cada unha das sedes policiais da provincia tiña unha Sala do 091 propia, pero o novo sistema impulsado desde a Dirección Xeral da Policía centralizou o servizo nun único punto.
O sistema xa se probou noutras comunidades autónomas e no caso de Galicia aplícase de momento en Pontevedra e A Coruña, pero a idea é que acabe implantándose en todo o territorio español e que desde unha única Sala do 091 se de servizo a varias comisarías da mesma zona xeográfica. De feito, a intención é que desde as comisarías de maior tamaño se atenda a varias provincias limítrofes.
A pesar de que as chamadas se xestionarán desde Vigo, a Sala do 091 de Pontevedra seguirá aberta para realizar tarefas de funcionamento interno da Comisaría. A diferenza será que dos seis axentes destinados hastas agora, quedarán dous e os outros catro serán recolocados noutras unidades.
A Sala do 091 ten como función canalizar e dar resposta ás solicitudes urxentes e demandas de información dos cidadáns. Por mor de que este mesmo luns a de Pontevedra deixase de prestar servizo e as chamadas deriváronse a Vigo, o Sindicato Unificado de Policía (SUP) pon en dúbida que realmente o sistema se poida aplicar con todas as garantías para cumprir esa función. A súa principal queixa é a falta de persoal destinado a esta función na nova sala viguesa, pero considera que, ademais, "la cidadanía pierde la proximidad".
A portavoz provincial do SUP, Sandra Fernández, indica que as primeiras horas de funcionamento do sistema non se detectou ningún problema nin incompatibilidade, pero alerta de que poden chegar dificultades porque o persoal consignado inicialmente para a nova sala de Vigo é insuficiente e, a pesar de que tanto o SUP como a Unión Federal de Policía (UFP) reclamaron un reforzo, o servizo empezou a funcionar sen ampliarse o persoal.
Ademais, considera que no caso da Comisaría de Pontevedra capital, poden chegar a darse situacións de que un cidadán chame para comunicar unha urxencia e, para explicar o lugar onde ocorre, achegue datos imprecisos ou relativos a lugares do rural sen rueiro ben definido e, ao falar con axentes de Vigo e non de Pontevedra, non consigan trasladar todas as súas indicacións. A proximidade e o coñecemento son, para Sandra Fernández, un plus na atención ao cidadán que pode perderse.
Desde a UFP, Carlos Rodríguez, considera que se dará o mesmo servizo ao cidadán e que non se verá resentida a calidade da atención, pero si alerta da falta de persoal, pois pediron a ampliación de oito a 15 axentes na Sala de Vigo que non lla concederon aínda. Ademais, cuestiona que, para cubrir esas prazas, convocouse un concurso en comisión de servizos ao que só poderán presentarse policías destinados ás comisarías da provincia, o que implicará que quen se vaia a Vigo para prestar o servizo deixarán prazas sen cubrir no resto de sedes policiais e, por tanto, daranse problemas de persoal en Pontevedra, Marín ou Vilagarcía. O SUP xa manifestou hai semanas esta mesma preocupación.
Relacionadas:
-
A falta de policías "ya se está notando en la prevención de la delincuencia"
Por Oskar Viéitez |
-
Os axentes de policía piden unha mellora da produtividade ante a diminución de delitos
Por Oskar Viéitez |
-
A Policía Local de Marín está a asumir servizos da Nacional "en condicións precarias"
Por Oskar Viéitez |
-
Acusan a Interior de "ningunear" ás comisarías de Pontevedra
Por Redacción |
-
O SUP denuncia que a Policía Nacional de Pontevedra saca á rúa un vehículo a "duras penas"
Por Redacción |