Colisión múltiple en Poio e un motorista ferido de gravidade en Vilaboa
Por Redacción
O Centro de Atención ás Emerxencias do 112 Galicia informou dunha colisión múltiple entre tres vehículos en Poio e doutro accidente de tráfico en Vilaboa no que un motorista resultou ferido de gravidade.
O primeiro dos sucesos tivo lugar ás 14:00 horas na estrada N-554, ao redor do punto quilométrico 5, no concello de Vilaboa.
Un motorista resultou ferido de gravidade ao chocar a moto que pilotaba contra un turismo.
Tras recibir a chamada de diversos alertantes, o 112 Galicia solicitou a intervención do persoal sanitario. Unha vez no lugar, Urxencias Médicas confirmou a gravidade do motorista. A Garda Civil de Tráfico, os Bombeiros do Morrazo e os efectivos de Protección Civil tamén foron informados.
O segundo sinistro rexistrouse pouco despois, ás 15:30 horas deste domingo. Tres coches que circulaban pola Avenida de Porteliña, en Poio, chocaron. Unha persoa foi evacuada polo persoal sanitario, trátase dunha muller de avanzada idade que se atopaba mal.
Tras a chamada dun particular o 112 pasou aviso a Urxencias Médicas e tamén se pediu a colaboración dos efectivos do servizo de emerxencias municipal de Sanxenxo e de Poio. Urxencias Médicas confirmou o traslado da persoa ferida ao Hospital Domínguez de Pontevedra.