Poio recibirá máis dun millón de euros do Plan Concellos
Por Redacción
A Deputación de Pontevedra achegará ao Concello de Poio durante este ano 2017, no marco do Plan Concellos, 1.008.010,77 euros, 3.670,86 euros máis que no 2016, no que xa tivo un incremento dun 48% con respecto a 2015, o que se traduciu en 323.519 euros máis.
Á marxe do Plan Concellos, Poio recibirá este ano outras axudas e subvencións, enmarcadas nas diferentes áreas de actividade da Deputación de Pontevedra, ás que o concello poderá concorrer.
Ó longo do 2016 a Deputación de Pontevedra investiu en Poio 1.663.714,38 euros.
Entre outros investimentos os cartos destináronse para o subministro de vehículos (furgón, turismo, dúas furgonetas, un camión lixeiro con caixa basculante e guindastre); para a ampliación da bancada e mantemento do céspede artificial do campo de fútbol da Reiboa; restauración da cuberta e conservación de fachadas e terraza do edificio de servizos sociais; mellora do saneamento na rúa Convento de San Xoán e na Avenida da Seca (PO-308); mellora de servizos na Rúa de Combarro; acondicionamento de instalacións deportivas municipais e para a ampliación de infraestruturas de saneamento na PO-308 na Avenida do Laño en Covelo (Samieira).
Tamén se aportaron fondos para a XVI Festa do Mar, o X Duatlón Cross Concello de Poio, a II Carreira Popular Activa Combarro, a XXIX Festa da Ameixa, o VI Triatlón Porto de Campelo e o VII BTT Concello de Poio; así como para a contratación de 30 persoas para a realización de tarefas no concello.