Alugar piso en Pontevedra segue sendo moi caro e mercalo… menos
Por Redacción
Pontevedra é, tras Compostela, a segunda cidade galega cos alugueres máis caros, segundo as cifras publicadas polo Instituto Galego de Estatística (IGE).
Na Boa Vila págase unha media de 351 euros ao mes polo arrendamento dunha vivenda. O IGE marca que en Santiago de Compostela son 359 euros; en Vigo, 346 euros; A Coruña, 329 euros; Ourense, 298 euros; Lugo, 282 euros e Ferrol, 186 euros ao mes.
Pero mercar un piso tampouco sae máis económico, segundo o informe anual de prezos de venda da web pisos.com, a vivenda de segunda man en Galicia en decembro de 2016 tivo un prezo medio de 1.497 euros por metro cadrado. Esta cifra rexistrou un ascenso da 0,34% fronte ao mes de novembro, o cuarto máis intenso do cómputo nacional. Interanualmente, produciuse unha subida do 1,17%.
Galicia situouse á mesma distancia da rexión máis cara, País Vasco (2.639 euros o metro cadrado), que da máis barata, Castela-A Mancha (922 euros o metro cadrado).
En cuestión de prezos, a cidade do Lérez ocupou o duodécimo lugar da listaxe nacional das máis alcanzables.
A cidade de Pontevedra foi a única capital de Galicia na que o prezo creceu mensualmente, arroxando o quinto repunte máis intenso do país dun ano a outro cun 5,94%.
En canto ao pago medio que se afronta pola hipoteca, os 415 euros que pagan as familias na cidade do Lérez están por baixo dos 437 da Coruña e os 420 de Santiago, que son as únicas que a superan. No resto de urbes galegas tamén se paga menos ao mes que en Pontevedra por este concepto, por exemplo 409 euros en Vigo, 382 en Ourense, 373 en Ferrol e 337 en Lugo. O gasto na hipoteca baixou 88 euros en oito anos, segundo datos do IGE.
Con todo o mercado inmobiliario reactivouse na cidade ao crecer as vendas un 33% nun ano. A vivenda usada é a que segue movendo este sector dado que un 76% das transmisións foron de pisos de segunda man.
Segundo os datos publicados polo Ministerio de Fomento entre xaneiro e outubro do pasado ano tan só á cidade de Pontevedra as vendas de bens inmobles creceron ata un 33% para situarse nun total de 402 operacións, xusto un centenar máis que no mesmo período de 2015.
O 76% das operacións anotadas ante os rexistradores da propiedade de Pontevedra referíanse a transaccións de pisos e casas de segunda man, un total de 307. O resto era vivenda nova.