A Lama estrea a praza Juan Carlos Piñeiro Teodosio, en Seixido
Por Redacción
O nome de Juan Carlos Piñeiro Teodosio xa figura cun monólito e unha placa na praza-alameda que acaba de crear o Concello da Lama en Seixido, parroquia natal do tenente de alcalde recentemente falecido.
O acto iniciouse cun emotivo discurso pronunciado polo alcalde da Lama, Jorge Canda, quen visiblemente afectado lembrou o traballo e os esforzos realizados por Juan Carlos Piñeiro Teodosio para lograr o benestar dos seus veciños e favorecer o progreso do seu pobo.
Ao finalizar a súa intervención, pediu un forte aplauso para a súa memoria, que foi seguido por un numeroso público que se achegou ata Seixido para participar nesta inauguración que serviu tamén de homenaxe ao concelleiro falecido. Entre os presentes atopábanse tamén o alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, membros da corporación municipal da Lama, así como o portavoz de Cidadáns, Andrés Cal, e a ex concelleira do BNG, Erundina Louro.
Posteriormente a muller do edil falecido, María Mayo Gómez, e a súa filla, Eva Piñeiro Mayo, procederon a descubrir un monólito sobre o que descansa unha placa na que figura o nome de Juan Carlos Piñeiro Teodosio e unha pequena lenda que fai referencia ao seu bo labor e atención dispensada sempre por el aos veciños. O acto finalizou coa interpretación do himno galego a cargo dun grupo de gaiteiros.
A praza-alameda inaugurada é o resultado do aproveitamento dun espazo público que se atopaba con moitos problemas de saneamento e ordenación e que estaba formado por un vello sistema de regadío xa en deuso. Agora, coa intervención do Concello da Lama en colaboración coa Xunta de Galicia, converteuse nun lugar para o goce interxeracional de nenos e maiores cun moderno e completo parque infantil, así como outro biosaludable o que permitirá que pais e avós poidan realizar exercicios físicos á vez que supervisan a actividade e os xogos dos máis pequenos da casa.
Ademais, o espazo dotouse de chan empedrado, bancos de madeira, mobiliario urbano e luminarias led de baixo consumo eléctrico que converteron un lugar que presentaba moitos problemas para os veciños nun espazo para o goce colectivo para os residentes na zona.
Para o alcalde, "esta praza é un dos moitos legados que deixa Juan Carlos aos seus veciños non só en Seixido senón en todo o concello da Lama. Sempre estivemos xuntos e colaborando, ombreiro con ombreiro, loitando polo progreso do noso pobo. Esta praza é o últimos dos moitos proxectos que impulsou e el deu a idea de transformar un espazo que non facía máis que crear problemas para os veciños nun lugar de esparcimento e de convivencia para os residentes da zona".
"Foi unha mágoa o seu pasamento e esta praza é unha merecida homenaxe á traxectoria intachable dun home que sempre estivo ao servizo dos seus veciños e era un orgullo para a súa familia e amigos", dixo emocionado Jorge Canda.