Marea Pontevedra renuncia a formar parte da lista de "consenso" nas primarias de En Marea
Por Redacción
Os membros de Marea Pontevedra renuncian a formar parte na lista de "consenso" para as eleccións primarias aos órganos colectivos de En Marea (Consello das Mareas, de carácter político, e Coordinadora Nacional, de carácter executivo).
A confluencia local de Pontevedra non se presenta, como tal, en ningunha candidatura.
A coordinadora de Marea Pontevedra propuxo que catro dos seus membros puidesen encadrarse na lista nucleada arredor de Luís Villares. O seu obxectivo, segundo explicaron era definir unha candidatura plural e maioritariamente conformada por activistas das mareas locais.
A pesar de que os nomes foron aceptados pola comisión que elaboraba esa lista de "consenso", e mesmo a secretaria de Marea Pontevedra, Peque González, foi promovida para formar parte do órgano executivo, ao final todos os membros da confluencia pontevedresa renunciaron a participar, algo que comunicaron antes de que expirase o prazo habilitado para a presentación de candidaturas.
Por tanto, Marea Pontevedra renuncia a estar representada por algún dos seus membros nesa candidatura. Isto quere dicir que non estarán nin Peque González nin Xoán Hermida na proposta para o Consello das Mareas, onde tampouco, "baixo ningún concepto", entrarían nin Luís Rei nin Cruz Villaverde. Ademais, para a proposta da Coordinadora Nacional tamén decae a propia Peque González.
Segundo explicaron os membros de Marea Pontevedra "esta decisión tomámola ante o incumprimento do compromiso dunha clara maioría de activistas das mareas en ambos os dous órganos, en detrimento dos militantes dos partidos (13 de 35), e por acabar presentando para a Coordinadora Nacional unha proposta con maioría masculina".
"Queremos manifestar que mantemos o noso compromiso co proxecto de En Marea saído da súa asemblea constituínte e confiamos plenamente no liderado de Luís Villares, ao que lle desexamos grandes éxitos no labor parlamentario e político que ten por diante", engadiron.