O primeiro semeste do VaiBús! sáldase con 474 usuarios da tarxeta de transporte público
Por Redacción
O abono de transporte urbano VaiBús! que subvenciona o Concello de Vilagarcía de Arousa está calando con forza entre os vilagarciáns. Así o demostran as estatísticas facilitadas pola empresa Pereira na que, o principal dato é que, nos seis primeiros meses de funcionamento, o VaiBús! contou 474 usuarios, o que supón o 35% do total de viaxeiros do transporte urbano no municipio.
O abono transporte foi unha medida posta en marcha polo Concello de Vilagarcía en colaboración coa empresa Pereira co obxecto de promover o uso do transporte colectivo e favorecer a mobilidade. En vista dos excelentes resultados, o goberno local prevé aumentar en 2017 a partida correspondente a subvencionar este produto.
A creación e posta en marcha do abono transporte enmárcase nas políticas que desenvolve a área de Mobilidade que dirixe Paola María. Poñer os medios para conseguir unha cidade máis accesible e agradable, máis cómoda e segura para os peóns, e con menos coches e gases contaminantes é o principal obxectivo desta área.
A aposta é firme, de aí que se optara por subvencionar o VaiBús, ao igual que se recuperou o servizo municipal de bicicletas, o VaiBike, e se continuará con plan de peonalizacións e humanizacións do centro urbano cunha nova actuación na Praza de Galicia. "Trátase de pezas dun mesmo engranaxe que deben camiñar de forma conxunta", salienta o goberno local.
A memoria dos primeiros seis meses de servizo -o VaiBús! entrou en funcionamento o 1 de xullo de 2016- desvela resultados moi alentadores para os responsables da Área de Mobilidade e os da empresa Pereira. A tarxeta VaiBús! permite ao seu titular usar de xeito ilimitado as liñas de autobús urbanas durante un mes enteiro por só 20 euros. O módico prezo do abono é posible grazas á subvención municipal que aporta 10 euros por cada tarxeta. A tarxeta é permanente, polo que o usuario pode recargala cada mes ou só aqueles meses que o precise.
No primeiro mes de funcionamento, en xullo, rexistráronse altas, chegando ao final do semestre a sumar un total de 1.462 recargas correspondentes a 474 usuarios diferentes. Cada viaxeiro titular do bono transporte municipal realizou unha media de 38 viaxes.
Unha das conclusións máis positivas que se extraen das estatísticas é que a obtención do VaiBús! non é algo testemuñal, senón que os veciños realmente estanlle a dar uso a tarxeta, como demostran os datos de servizos realizados facilitados por Pereira, xa que durante o semestre chegáronse a ticar co abono un total de 55.560 viaxes nas distintas liñas que ofrece Pereira no municipio. Isto supón unha media de 9.260 usos do VaiBús! cada mes.
Relacionadas:
-
Ravella abre o proceso de participación cidadá do PMUS coa constitución da mesa da mobilidade 'Velaívai!'
Por Redacción |
-
O Vaibus Plus comezará a funcionar a mediados de maio con sete servizos diarios de ida e volta ao Hospital do Salnés
Por Oskar Viéitez |
-
Éxito do Vaibús en Vilagarcía, con 155 abonados nos primeiros quince días
Por Redacción |