A xuízo por romperlle os dentes a un condutor cun bate de béisbol
Por Oskar Viéitez
A sección cuarta da Audiencia provincial de Pontevedra sinalou para o vindeiro xoves un xuízo por un delito de lesións.
No banco dos acusados sentará un home acusado de pegar a outro, que se atopaba no interior dun vehículo, cun pau de madeira.
A Fiscalía pide para o acusado cinco anos de prisión e o pago dunha indemnización de 7.330 euros.
Os feitos ocorreron en Pontevedra o 14 de xaneiro do ano pasado.
Os dous implicados circulaban en coche pola rúa do Costado de Pontevedra. Segundo o escrito de acusación do Ministerio Fiscal, nun momento dado, o acusado supostamente bloqueou co seu vehículo a saída do agredido, ao que se dirixiu cun bate de béisbol nas súas mans propinándolle "un forte golpe co pau na boca".
"Agarrou seguidamente por un brazo para sacalo do coche e seguir golpeándoo, o que non puido conseguir ao agarrarse con forza o seu opoñente ao volante". Aínda así, deulle varios golpes nas pernas.
Como consecuencia dos golpes, o condutor sufriu distintas lesións no rostro, así como perdeu os catro incisivos superiores.