A subministración de auga en Pontevedra, garantida polo actual nivel do Lérez
Por Redacción
A pesar de que a Xunta activou a prealerta por seca, os veciños de Pontevedra podemos estar tranquilos. Así, polo menos, asegurouno o concelleiro responsable do ciclo da auga, Raimundo González, que afirmou que o nivel actual do río Lérez garante a subministración de auga potable a todos os habitantes da ría.
Desde o Concello aseguran que o río ten un nivel medio de auga de 2,59 metros e un caudal de 6,98 metros cúbicos por segundo, suficiente para abastecer a Pontevedra e aos municipios aos que fornece de auga: Marín, Poio, Sanxenxo e Vilaboa.
Ademais, tampouco se está usando o Pontillón do Castro para o consumo da poboación.
Iso si, o encoro atópase a un 67% da súa capacidade, cando habitualmente está totalmente cheo. Pero esta situación non se debe á seca nin ao uso da auga que acumula.
As obras no complexo de piragüismo, en concreto a construción dunhas ramplas de acceso ao vaso da presa, obrigaron a realizar un desaugadoiro para poder completar eses traballos.
Raimundo González asegurou que o Concello seguirá, en todo caso, analizando continuamente a situación por se houbese que adoptar algunha medida. Iso si, instou ás familias para facer un consumo responsable da auga, unha cuestión que "hai que recomendar sempre" e non só cando hai risco de seca.