A escola infantil de Ponte Caldelas recibe un feixe de libros
Por Redacción
A escola infantil de Ponte Caldelas, integrada na rede da Galiña Azul, dispón dende este venres dun novo lote de libros infantís que foi doado polo Concello. A entrega estivo a cargo do goberno local que aproveitou para facer unha nova visita a esta instalación.
O lote está composto por preto dunha vintena de volumes entre os que destacan títulos da editorial pontevedresa Kalandraka, como A que sabe a Lúa, Violín, Zapato, Piñeiro, Limón e Veo veo. Pero tamén están De Paseo (Xiquets), Las diez gallinas e Vamos a la fiesta (Edelvives), Cucú-tras, ¿Puedo mirar tu pañal?, Perrito tiene mucha prisa e ¿Quién? (SM), Un libro (Kokinos) ou En Cabárceno se oye cantar e Animales Encantadores (Susa Herrera).
O Concello adoptou o costume de facer un agasallo anual á rapazada da escola infantil e xa o ano pasado comezou entregando un lote de "motos-andadores" para os pequenos que foi moi ben acollido. Este ano optouse polos libros ao detectarse que as existencias do centro empezaban a estar moi deterioradas.
O pasado mes de agosto acometeuse un pintado integral tanto interior como exterior, así como a limpeza e pintado dos muros do parque de xogos que utilizan os nenos. Lonxe de limitarse a eliminar as manchas, fíxose un tratamento integral de todas as paredes, incluíndo o emplastecemento e o pintado en diversas cores.