Adxudican a Fesán a xestión das escolas infantís de Sanxenxo
Por Redacción
O Concello de Sanxenxo adxudicou o contrato de xestión das escolas infantís municipais do Tombo e do Revel, concluíndo así un procedemento aberto de tramitación ordinaria ao que concorreron dúas empresas.
A concesión, por un período de 47 meses, recaeu na mesma firma que viña prestando o servizo, a empresa compostelá Fundación de Estudos e Análises (FESAN) que rebaixou a licitación inicial de 479.960,13 euros sen IVE ata os 448.666,61 polos que foi adxudicada.
Con todo, no prego de condicións técnicas a Concellería de Educación non primou exclusivamente os criterios económicos, introducindo diferentes baremos que puntuasen outros aspectos para evitar que unha posible baixa económica tivese repercusión na calidade do servizo.
Así, ademais de presentar unha oferta económica que supón un aforro de 31.293 euros con respecto ao prezo de licitación, FESAN mellora a dotación de persoal, incorporando ao xa existente un reforzo de dúas educadoras, unha para cada escola infantil municipal, a media xornada, durante as horas de máxima asistencia de nenos.
Ademais a concesionaria incrementará as horas de limpeza nas instalacións municipais e mellorará a dotación de material didáctico e pedagóxico nos dous centros escolares por valor de 15.000 euros durante os 47 meses nos que se estenderá a concesión.
O proxecto educativo, o plan de mantemento das instalacións e do equipamento, e a organización do servizo, quedaron tamén definidas nos pregos de contratación.
Cabe lembrar que durante o presente curso son 110 os nenos que acoden ás aulas de 0 a 3 anos coas que conta o Concello de Sanxenxo. Deles, 62 asisten á escola infantil O Revel e outros 48 van á do Tombo. Aínda que existe unha mínima lista de espera, as dúas escolas teñen prazas vacantes en determinados tramos de idade e en horario vespertino.
A concelleira de Educación, Sandra Fernández Agraso, destaca a excelente calidade do servizo que se ofrece nas escolas infantís municipais e que agora se verá incrementado ao incorporar unha nova educadora ao persoal de traballadoras de cada centro escolar.
Relacionadas:
-
Abren o período para solicitar praza nas dúas escolas infantís de Sanxenxo
Por Redacción |
-
Os nenos do Revel pronto poderán gozar dun patio cuberto
Por Redacción |
-
Sanxenxo saca a concurso a xestión das escolas infantis municipais
Por Redacción |
-
As escolas infantís de Sanxenxo terán 110 nenos o próximo curso
Por Redacción |