Presentan un calendario cunha proposta educativa para cada día
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
Os escolares de infantil de toda a provincia van recibir un singular calendario para levar ás súas casas. Trátase dunha iniciativa do Colexio Rural Agrupado (CRA) Mestra Clara Torres, de Tui, que inclúe tarefas educativas para facer en familia.
A Deputación acolleu esta iniciativa para difundila entre as 963 aulas de educación infantil dos 358 centros públicos da provincia.
Segundo explicou a presidenta da Deputación, Carmela Silva, acompañada dos profesores e pais que deseñaron este "calendario competencial", a idea é que este almanaque faga posible que "a educación se converta nunha tarefa compartida e nun compromiso", polo que o calendario inclúe, entre outras cuestións, propostas de aprendizaxe para realizar en familia como actividades para o tempo de lecer, procuras do tesouro, cinema en familia, lecturas recomendadas para nenos e outras para adultos, educación ambiental e responsable, actividades para realizar en inglés, música recomendada e pautas de respiración para a mellora da fala.
Podes descargar o calendario aquí
A directora do CRA, Teresa Domínguez, comentou que este "calendario competencial" é perfectamente válido para familias con outros nenos de maior idade, ata a adolescencia.
MATERIAL DEPORTIVO
Por outra banda a Deputación puxo en marcha un sistema para organizar o préstamo do material deportivo que ten a institución. A páxina web da institución canalizará as peticións.
A presidenta da institución provincial asegurou que "a ferramenta informática asegura un acceso aos recursos da Deputación en igualdade de condicións e adaptado ao século XXI".