O colexio Alfonso VII estrea comedor escolar, unha demanda das familias
Por Redacción
O vindeiro luns 16 de xaneiro entrará en servizo o comedor escolar do colexio Alfonso VII de Caldas de Reis, unha prestación demandada desde hai tempo pola comunidade escolar que agora chega a pesar de que o curso escolar xa se atopa no segundo trimestre.
O comedor terá un horario de 14.00 a 16.00 horas, de modo que aseguran que servirá para que os usuarios que así o desexen poidan enlazar coas actividades extraescolares.
A asociación de nais e pais de alumnos 'Celenis' deste colexio fíxose eco da noticia este venres e asegurou que o servizo era "unha necesidade para un centro de referencia" en Caldas de Reis, pois no mundo laboral actual as políticas de conciliación "son insuficientes" e moitas familias vense obrigadas a solicitar axuda a familiares ou persoas externas para poder atender aos seus fillos á hora da comida.
O novo comedor é "de grandísimo interese" para moitas destas familias e desde o ANPA lembran que a maioría dos centros de ensino público contan xa con este servizo e como pais non podían "permitir que este centro fose menos".
Segundo explican, viron a "necesidade" desde a chegada da nova directiva e a inminente apertura consideran que é "un gran avance".