Sanidade rexeita falar de colapso en Urxencias mentres o persoal o atribúe á "nefasta xestión"
Por Natalia Puga
O colapso no servizo de Urxencias do Hospital Montecelo e en centros de saúde de Atención Primaria que se viven desde hai xa máis de dez días fundamentalmente a causa do aumento de incidencia da gripe volveu a enfrontar este venres aos responsables sanitarios e os representantes dos traballadores. Mentres a xunta de persoal fala de "nefasta xestión" de medios materiais e humanos, o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, rexeita falar de colapso e fai fincapé en que "isto non é planificable".
Vázquez Almuiña inaugurou no Sexto Edificio do Museo de Pontevedra as primeiras xornadas sobre chan pélvico 'Do mito á realidade' e, a preguntas dos medios de comunicación, asegurou que Sanidade leva meses tentado previr a incidencia da gripe tanto a través da campaña de vacinación como incidindo en que o primeiro nivel de diagnóstico e tratamento ao que deben acudir os pacientes son os centros de saúde e PAC de Atención Primaria, pero hai picos de actividade que non se poden prever.
Os profesionais sanitarios reprochan á administración unha falta de previsión nos medios dos servizos de Urxencias ante a constatación de que cada mes de xaneiro chegan picos de gripe que saturan os centros, pero o conselleiro respóndelles que o inicio "non é previsible" e "nós non podemos ter os tamaños dos hospitais co que corresponde un pico de 15, 20, 30 días".
A pesar de que se está recibindo un fluxo de pacientes "moi por encima das condicións habituais", asegura que dan unha resposta "adecuada". Recoñece, iso si, que "nalgúns momentos con certos atrasos" e tivéronse que aprazar operacións non urxentes para atender a quen chega por Urxencias e necesitan ingresos.
"As urxencias non son planificables, nós estamos á demanda porque é o único servizo onde non hai unha planificación previa e atendemos á demanda", insiste o conselleiro, á vez que defende que a resposta dos profesionais da sanidade pública galega foi "extraordinaria" e permitiu que Galicia non estea entre as zonas de España e Europa que "teñen máis dificultades dentro do pico". O pico definitivo de incidencia da gripe chegará nas próximas semanas e asegura que están "preparados", de modo que mandan unha mensaxe de tranquilidade á poboación.
O xerente da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, José Manuel González, recoñece que hai "certos momentos do día" en que hai "máis picos" de actividade e a atención demórase por un afluencia "masiva" de pacientes e "obviamente" os pacientes con patoloxías máis leves "teñen que esperar un pouquiño máis", pero nega o colapso. Asegura que "o triaxe está a funcionar correctamente" e, ademais, todos os pacientes que necesitan ingresos están a ser ingresados e tratados en camas de hospitalización.
González recoñece que o servizo de Urxencias do Hospital Montecelo "podería ser maior, dende logo", pero respecto diso lembra que por iso é necesario o proxecto de ampliación que está en marcha, no que "Urxencias de Montecelo é unha dás cousas que seguramente será unha dás áreas a remodelar e ampliar".
Relacionadas:
-
10 falecidos por gripe no 2016 nos hospitais públicos de Pontevedra e O Salnés
Por Redacción |
-
Sanidade releva a José Manuel González da xerencia do CHOP
Por Oskar Viéitez | Creada e actualizada
-
O Hospital Montecelo atende un promedio de 163 urxencias diarias
Por Oskar Viéitez |
-
A Xunta de Persoal remítelle unha carta ao conselleiro de Sanidade para pedir o cese do xerente
Por Oskar Viéitez |
-
Comisións Obreiras solicita a dimisión do xerente dos hospitais de Pontevedra e O Salnés
Por Oskar Viéitez |
-
A marea branca volverá a Pontevedra o sábado 21 coa mirada posta no colapso de Urxencias
Por Redacción |
-
Urxencias de Montecelo ten unha situación "estable" despois de días de colapso
Por Natalia Puga |
-
CIG-Saúde sospeita que a saturación das urxencias pode ser "interesada" para favorecer a sanidade privada
Por Oskar Viéitez |
-
Os socialistas preguntan no Parlamento de Galicia polo colapso en urxencias de Montecelo
Por Redacción |
-
Os sindicatos médicos culpan á Xunta da "saturación" das Urxencias con atrasos "de máis de 8 horas"
Por Oskar Viéitez |
-
Segundo día de colapso en Urxencias de Montecelo
Por Natalia Puga |