Unha chiscadela á comida brasileira, gañadora do certame Caldelas Tapas Quentes
Por Redacción
O Escondidiño de puré de iuca da tapería Klimbin namorou, gastronomicamente falando, aos membros do xurado do certame Caldelas Tapas Quentes. Tanto que esta proposta foi elixida como a mellor das doce presentadas a este evento, celebrado en Ponte Caldelas en decembro.
O alcalde, Andrés Díaz, abriu o sobre lacrado que contiña a decisión do xurado nunha xuntanza que contou coa presencia dos hostaleiros participantes.
Recolleu o premio María Isabel Martínez como responsable do Klimbin, quen agradeceu expresamente o traballo da súa cociñeira Claudia Martínez.
"Esta é unha aposta que facemos por apoiar á nosa hostalería e estamos moi satisfeitos dos resultados", explicou o alcalde aos hostaleiros.
O Concello xa leva celebrando dúas edicións do Caldelas Tapas durante o mes de xullo, pero este ano decidiu, ademais, experimentar cun formato parecido para o mes de decembro.
As cifras finais demostran que ao remate do Caldelas Tapas Quentes despacháronse en torno a 4.000 racións durante as cinco noites de venres, cunha especial afluencia de público na primeira e na última das xornadas.
O certame volveu supoñer, deste xeito, unha importante dinamización para a hostalería local.
Neste edición tomaron parte a churrasquería A Fonte, O Recanto, Klimbin, Acuña, Pecas, bar Parada, cervexaría Alameda, Alalá, Verdugolandia, Aries, bar Puente e restaurante 501.
Relacionadas:
-
Ponte Caldelas inicia un curso de tapas para desempregados
Por Redacción |
-
'Caldelas Tapas Quentes', preto das 4.000 tapas vendidas
Por Redacción |
-
Os cociñeiros Pepe Solla, Sergio Orge e Rubén González xa teñen gañador do "Caldelas Tapas Quentes"
Por Redacción |
-
O Caldelas Tapas Quentes comeza con doce establecementos a concurso
Por Redacción |