Representantes da Policía Local reclaman un servizo de 24 horas de recollida de animais abandonados
Por Redacción
Antonio Millares do sindicato Comisiones Obreras e José Moldes de UGT, delegados da Xunta de Persoal do Concello de Pontevedra e representantes da Policía Local, esixen ao goberno local que estableza un servizo de 24 horas de recollida e acollemento de animais abandonados, extraviados ou sen dono coñecido.
A través dun comunicado, os representantes sindicais afirman que existe un descontrol total sobre os casos de abandono debido a que se producen casos de propietarios que reinciden no extravío ou por neglixencia na custodia do animal, sen que desde o Concello se sancionen esas condutas reincidentes para evitar riscos innecesarios.
Indican que ante a ameaza de denuncia pública dos representantes dos veciños a algún concelleiro, procedeuse á recollida inmediata de animais soltos en caso de cabalos nos montes de Salcedo que causaban danos a unha zona replantada.
Con todo, sinalan os representantes policiais que a actuación dos axentes locais máis frecuente débese ao requirimento pola aparición de cans deambulando pola cidade, con grave risco de ser atropelados ou de causar un accidente. Apuntan que o goberno local ten a obrigación legal de recoller e acoller a estes animais e, en cambio, "cargouse" con esta función á Policía Local "sen ser a súa competencia".
Afirman que no caso de que non se localice ao dono dos animais abandonados, a oficina de Medio Ambiente do Concello é a encargada de xestionar quen debe recollelo, pero mentres tanto o animal é deixado no lugar onde se localizou. Indican que esta situación tamén se rexistrou con cabalos e ovellas.