O PP pide unha nova ordenanza para regular as terrazas na cidade e ampliar os seus horarios
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido
Creada e actualizada
Creada e actualizada
O Partido Popular reclama unha nova ordenanza que regule as terrazas e veladores no municipio de Pontevedra. O portavoz do grupo municipal do PP, Jacobo Moreira, acompañado polo concelleiro César Abal afirmaban este xoves 12 que recibiron numerosas queixas por parte de establecementos hostaleiros reclamando que se estableza outro horario para a instalación das terrazas.
Actualmente, a normativa establece que non se poden montar ata as 11.00 horas e terán que ser retiradas antes das 01.00 horas, unha decisión que os populares queren cambiar.
Desde o PP indícase que a actual ordenanza atópase desfasada respecto ás necesidades dos establecementos que, tras a Lei Antitabaco, tiveron que adaptarse a esta lexislación. Moreira apunta que a normativa do 97 non regula a accesibilidade nin os calefactores. O portavoz popular indicou que o sector da hostalería é o eixo do tecido empresarial de Pontevedra e acusou o alcalde Fernández Lores de abandonalo.
Os populares presentarán unha moción no próximo pleno para reclamar que o goberno local elabore e aprobe unha nova ordenanza que regule a situación actual.
Unha cafetería de Campolongo xa mostrou o seu malestar, a través dun cartel de protesta, pola imposibilidade de instalar a terraza antes das 11.00 horas. A xerente indica que, segundo indicacións dos axentes, a policía local nestes casos actúa por denuncia dalgún veciño. A multa que se establece na normativa sitúase entre os 3.000 e os 12.000 euros.
A actual ordenanza establece que o alcalde pode conceder ampliacións de horarios en atención ás peculiaridades dos establecementos. Os populares afirman que actualmente todas as cafeterías con terraza quéixanse pola actual normativa na que non senten protexidos.
O CONCELLO FALARÁ COS HOSTALEIROS
A este respecto, Carme da Silva lembrou que a ordenanza vixente foi redactada en 1997 gobernando o popular Juan Luís Pedrosa e fíxose co obxectivo de que "non houbera terrazas en Pontevedra". A pesar diso, en base a outras normativas para espazos públicos, o goberno municipal actual puido regular esta cuestión.
Nestes momentos, asegura, está a funcionar "relativamente ben". A pesar diso, a edil de Urbanismo explicou que nos contactos "continuos" que o Concello mantén con este sector analizarase "de forma sosegada" este aspecto e calquera outra demanda que teñan os hostaleiros da cidade para "en consenso con eles" adoptar as decisións que correspondan.
Relacionadas:
-
Os cambios na ordenanza de terrazas e veladores supoñerán un "proceso longo" de negociación
Por Diego Espiño |
-
Zona Monumental reclama un amplo consenso para actualizar a ordenanza de terrazas
Por Alejandro Espiño |
-
Unha nova ordenanza regulará as terrazas e veladores da hostalería
Por Alejandro Espiño |
-
O PP convoca unha xuntanza cos hostaleiros para abordar a normativa dos veladores
Por Redacción |
-
Desde a ONCE piden máis control das terrazas: "Ás veces botamos de menos as beirarrúas dun metro"
Por Redacción |