Unha persoa ferida ao envorcar o seu tractor en Campo Lameiro
Por Redacción
Unha persoa tivo que ser excarcerada e resultou ferida na tarde deste mércores nun accidente de tractor registrado en Campo Lameiro, segundo informou o Centro de Atención de Emerxencias de Galicia 112.
O accidente produciuse ao envorcar o tractor que manexaba e a vítima tivo que ser liberada polos Bombeiros de Pontevedra e, a continuación, foi evacuada polos efectivos sanitarios a un centro hospitalario.
O sinistro tivo lugar nunha leira de Gargallóns, na parroquia de Fragas, sobre as 18.45 horas deste mércores. O 112 tivo coñecemento do sinistro a través da chamada de alerta dunha persoa particular.
Dende a central de emerxencias do 112 alertaron aos Bombeiros de Pontevedra, a Urxencias Médicas de Galicia, ao Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES) da Estrada, a Protección Civil e á Garda Civil. Os feitos tamén foron postos en coñecemento dos Bombeiros do Salnés, aínda que non foi precisa a súa intervención.