Marea Pontevedra sinala que as mortes de dous "sen teito" evidencian un tráxico fracaso
Por Oskar Viéitez
O falecemento de dúas persoas "sen teito" que durmían na rúa e a concesión a Pontevedra do premio Corazón de Pedra, outorgado pola Asociación Estatal de Directoras e Xerentes de Servizos Sociais polo baixo gasto social do Concello, "fai que cada vez sexa máis urxente impulsar un xiro social no concello de Pontevedra", di o concelleiro Luis Rei, voceiro de Marea.
Para Marea, os cativos resultados das políticas sociais do concello non son alleos ao feito de que a concelleira responsable da área, Carmen Fouces, "recorra de xeito case exclusivo a privatizacións encubertas dos servizos sociais, baixo fórmulas como convenios, subvencións ou contratos menores".
Marea sinala que as persoas sen fogar son un colectivo heteroxéneo, de hábitos de vida e de obtención de recursos diferentes, "e non deberan ser criminalizadas nin abocadas a deseños de servizos que non lles cadran", algo que, segundo Luis Rei "non entende a concelleira do ramo, ao afirmar que son un colectivo único sen diferenzas".
Finalmente Marea Pontevedra lembra que hai xa máis dun ano, no pleno de decembro de 2015, pediron nunha moción que se ampliase o número de prazas de aloxamento para persoas sen teito e se incrementase a partida orzamentaria destinada a tal fin. A moción foi aprobada por unanimidade "e correspondíalle ao grupo de goberno poñer os medios precisos para a súa aplicación".