Os veciños de Mogor protestan para que o Concello rectifique os pasos de peóns na parroquia
Por Redacción
Veciños da parroquia marinense de Mogor levaron a cabo este mércores unha protesta simbólica para mostrar as deficiencias que presentan os pasos de peóns da parroquia. Os afectados indican que, lonxe de dar seguridade á hora de cruzar, esta situación supón un perigo para a súa integridade física. Reclaman a intervención do Concello para mellorar os problemas nestes viarios.
O BNG solicitaba recentemente a través dunha moción a sinalización de pasos de peóns nos cruces que dan acceso á barriada Pérez Crespo e a Chan do Monte, ademais da o acceso ás Sete Espadas, desde a avenida Aviador Calviño. Con esta demanda búscase que dea continuidade ás beirarrúas xa existentes para que os peóns poidan cruzar con seguridade.
Segundo indican, os informes da Policía Local recomendan o pintado destes pasos para dar continuidade ás beirarrúas actuais.
Con todo, o concelleiro delegado de Tráfico, segundo denuncian os veciños e o BNG, situou os pasos de peóns lonxe dos cruces, ocultos ao tráfico rodado, en lugares sen beirarrúas nin con espazo sinalado para os peóns.
Ademais afirman que a pintura empregada non é antiescorregadiza de forma que xa escorregou algún veciño e mesmo os vehículos escorregan cando tentan frear.