Comezan os traballos para reprogramar os proxectos que financiarán os fondos europeos
Por Alejandro Espiño
Baixo un criterio de "eficiencia e eficacia". Así fará o Concello, segundo Carme da Silva, a necesaria reprogramación dos proxectos que se incluíron no seu día na estratexia DUSI remitida por Pontevedra á convocatoria dos fondos europeos.
Trátase dun trámite obrigado que o goberno municipal ten que facer antes de que remate o mes de febreiro, despois de que Bruxelas concedera a Pontevedra 10 millóns en lugar dos 15 solicitados nun principio.
Os concelleiros responsables das distintas áreas implicadas nos proxectos DUSI mantiveron unha xuntanza para pór en marcha os primeiros pasos. Ata finais de febreiro procederase a elaboración do manual de procedemento e de risco de fraude e farase a reprogramación das distintas liñas de actuación, decidindo os proxectos que se acometerán.
Así, haberá que elixir entre suprimir ou non algún proxecto, recortar ou non o alcance das iniciativas, asumir ou non con fondos propios do Concello parte do financiamento de algún proxecto e definir a prioridade das actuacións.
Tamén no primeiro trimestre definirase a composición do grupo de participación urbana que fará suxestións e un seguimento dos proxectos.
Neste grupo terán cabida os membros do goberno local, representante das distintas administracións que poidan estar implicadas nos proxectos e portavoces de colectivos cidadáns implicados e afectados nas distintas iniciativas.
Os grupos políticos municipais terán voz sobre a tramitación e desenvolvemento dos fondos DUSI na comisión de Urbanismo e tamén, xunto cos axentes sociais e colectivos veciñais e cidadáns, no CES.
O goberno local agarda que no primeiro trimestre do ano se poida ter feita toda a tramitación administrativa e burocrática esixida para dispor dos fondos DUSI consignados para este ano e poder enfrontar as licitacións dos proxectos.