Condenan a España por non avisar unha parella da demolición do seu piso en Sanxenxo
Por Redacción
Case 36.000 euros. É a contía da indemnización que España deberá abonar a unha parella residente en Madrid que non foi avisada no seu día do proceso xudicial iniciado sobre a legalidade da construción do seu apartamento en Sanxenxo, trámite que concluíu anos despois cunha orde de demolición.
Así o determinou o Tribunal Europeo de Dereitos Humanos nunha sentenza que se fixo pública este martes 10 de xaneiro. España terá que pagar 1.000 euros a cada un dos dous afectados e outros 33.446 euros en concepto de pago de impostos e honorarios.
Os dous demandantes, que teñen 79 e 74 anos de idade, rexistraron a compra do apartamento en setembro de 2001 e comezaron a pagar o imposto de bens inmobles (IBI) en Sanxenxo ao ano seguinte.
Foi entón cando un veciño da parella denunciou a suposta ilegalidade da construción. Ante o silencio administrativo do Concello de Sanxenxo, decidiu presentar un recurso xudicial. Pero dese proceso non se lles informou, senón que tan só foi comunicado o promotor do inmoble, segundo lembra o Tribunal Europeo de Dereitos Humanos.
Dous anos despois, en 2004, o xulgado contencioso-administrativo número 3 de Pontevedra anulou a licenza de construción, aínda que non ordenaba a súa demolición. Esta sentenza tampouco foi comunicada á parella como parte interesada. Xa en 2007, o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia aceptou un recurso do denunciante e ordenou a demolición dos apartamentos.
Non foi ata 2009 cando o Concello de Sanxenxo comunicou ao matrimonio a sentenza do TSXG, momento no que solicitaron a nulidade de todo este proceso, ao non ser informados dun procedemento que se remontaba a sete anos atrás. Pero as súas pretensións foron rexeitadas tanto polo alto tribunal galego como polo Tribunal Constitucional.
A demolición está, en todo caso, paralizada actualmente. Ademais, a aprobación dunha nova normativa urbanística en 2013 abre a porta a unha posible legalización da construción, se o promotor solicita ao Concello unha nova licenza de construción.
A pesar diso, o tribunal de Estrasburgo asegura na súa sentenza que, a pesar do que alegaba a administración, a identidade dos afectados como propietarios do apartamento era accesible e esta contaba con suficiente información como para identificalos como interesados neste procedemento.
A sentenza descarta que ambos se decataran de forma extraxudicial deste proceso e que, a pesar da suspensión da demolición e da posible regularización do inmoble, non se logrou reparar o prexuízo causado á parella con todo este proceso.