Detido o ex mozo dunha veciña de Portas por roubarlle xoias valoradas en 5.000 euros
Por Redacción
A Garda Civil detivo un veciño do municipio de Portas como presunto autor dun delito de furto de xoias no interior do domicilio da súa ex parella sentimental, no mesmo municipio.
Os axentes do equipo de investigación da Garda Civil de Vilagarcía en colaboración con axentes do Posto da Garda Civil de Caldas de Reis procederon á detención de J.A.S.V., de 35 anos, como presunto autor dun furto de 38 pezas de xoiería, 36 delas de ouro e dous de prata, que alcanzaban un valor total de 5.000 euros.
Foi a propia muller quen denunciou a subtracción e os investigadores, desde un principio, centraron as sospeitas na ex parella, que colaborara recentemente na realización dunha reforma na vivenda da denunciante. Os axentes deduciron que contaba cun acceso fácil a todas as estancias do domicilio e a confianza suficiente coa veciña de Portas que foi vítima do furto.
As sospeitas confirmáronse cando se procedeu ao recoñecemento dos distintos locais de compravenda de ouro da zona e, concretamente, nun de Vilagarcía de Arousa púidose comprobar que realizara a venda dun total de 22 pezas de ouro no mes de setembro e outras 5 pezas máis, tamén de ouro, no mes de decembro.
As dilixencias instruídas foron entregadas no xulgado de Instrución de garda de Caldas de Reis, onde deberá comparecer o arrestado cando sexa citado.