Louzán seguirá cobrando como asesor do PP a pesar de que se deu de baixa do partido e será xulgado por suborno
Por Natalia Puga
O ex presidente da Deputación e do PP provincial de Pontevedra, Rafael Louzán, deixou a militancia do partido tras darse a coñecer que sentará no banco dos acusados da Audiencia por un delito continuado de suborno impropio polo caso dos supostos sobrecustos dos baixos de Navia, en Vigo. Con todo, segue cobrando como asesor do PP na Deputación Provincial, un posto de confianza polo que cobra 43.935 euros anuais.
Os portavoces provinciais do PP, Ángel Moldes e Nidia Arévalo, confirmaron este martes que Louzán seguirá sendo asesor á vez que pedían "prudencia" e "responsabilidade" para non precipitarse en valoracións antes de que sexa xulgado na Audiencia Provincial e se dite sentenza.
"O que debemos ser todo o mundo é prudente, deixar traballar á xustiza e, chegado o seu momento, cada un asumirá as súas responsabiliades como tal", sinalou Moldes, que lembrou que o actual equipo de goberno da Deputación Provincial é o que máis imputados ten dos últimos anos e, a pesar diso, desde o PP non fan sangue co tema "por respecto ás persoas e aos partidos".
Moldes insistiu en que Louzán pediu a baixa temporal e voluntaria do partido "para a súa mellor defensa e para non prexudicar" ao partido que presidiu durante anos e agora haberá que "esperar con prudencia" a que pase o tempo e a Xustiza fale.
O Xulgado de Instrución número 2 de Cambados decretou a apertura de xuízo oral contra Louzán; contra a súa esposa, Teresa Cores Fernández, por suborno impropio; e contra o ex deputado do PP na Deputación por Pazos de Borbén Severino Reguera Varela, no seu caso por un delito continuado de suborno pasivo.
Louzán poderá chegar a ser condenado a unha pena dun ano de prisión en función do escrito de acusación presentado pola Fiscalía de Delitos Económicos, no que engade que debe ser condenado tamén á suspensión de emprego e cargo público durante dous anos e tres meses.
Relacionadas:
-
A defensa de Louzán alega na Audiencia que o delito de suborno que lle atribúen está prescrito
Por Natalia Puga |
-
Louzán pide a baixa temporal como militante do PP
Por Natalia Puga |
-
Louzán vese vítima de "escarnio" e asegura que será xulgado por suborno "por ser quen fun"
Por Alejandro Espiño |
-
Rafael Louzán sentará finalmente no banco por suborno polos baixos de Navia
Por Natalia Puga |