Detida cando turraba cunha persoa sordomuda para roubarlle o bolso
Por Redacción
Unha patrulla de Tráfico da Garda Civil de Pontevedra realizaba as súas funcións habituais o pasado sábado cando se atopou cunha escena violenta na que os axentes non dubidaron en actuar: presenciaron como unha muller tentaba arrebatar o bolso a unha persoa de avanzada idade e sordomuda con gran violencia, chegando a tirala ao chan.
Segundo informa a Garda Civil, todo ocorreu sobre as 14.30 horas na rotonda que comunica coa ponte das Cabras e o polígono industrial do Vao. A parella de motoristas do destacamento de Tráfico circulaba pola PO-531 e, ao chegar a ese punto, viron a escena de forcejeo.
Os axentes interviñeron cando a persoa sordomuda xa estaba no chan e, por acenos, explicoulles que lle estaba tentando arrebatar o bolso. Co reforzo dunha patrulla do servizo de seguridade cidadá, procederon á detención da presunta agresora.
A muller tentou convencer aos axentes de que "só lle estaba pedindo diñeiro", pero finalmente foi arrestada como suposta autora dunha tentativa de delito de roubo con violencia e intimidación. O delito non chegou a consumarse pola inmediata intervención da patrulla da Garda Civil.
A detendia resultou ser B.S.M. de 26 anos de idade e veciña do poboado do Vao. Ten un amplo historial de antecedentes policiais por distintos feitos delituosos e tiña en vigor unha orde de detención e ingreso en prisión ditada pola Sección Cuarta da Audiencia Provincial para que cumprise un ano de prisión por un delito de atentado a axentes da autoridade.
A Garda Civil puxo á detida a disposición do Xulgado de Instrución número 2 de Pontevedra, en funcións de garda, que decretou o seu ingreso no centro penal da Lama.