Antonio Duarte, nova cara da Policía Local: "prestaremos atención preferente aos veciños e a seguridade viaria"
Por Natalia Puga
Tras 17 anos desempeñando diversas funcións na Policía Local de Pontevedra, Antonio Duarte Solla regresou o 1 de xaneiro ao corpo no que comezou a súa carreira profesional en 1996, o municipal de Poio. Agora faino como novo inspector xefe, con moita ilusión e uns retos moi ben definidos para a súa reorganización e mellora. Prevención dos delitos, seguridade viaria e atención aos veciños serán as súas prioridades á fronte dun persoal na que o acompañan un oficial e oito policías.
"Prestaremos unha atención preferente aos veciños e a seguridade viaria", adianta Duarte tras a súa primeira semana de responsable da Policía Local, corpo no que fomentará todas as tarefas que estean na súa man para "mellorar a convivencia e a calidade de vida dos veciños", entre elas, crear unha sección de mediación policial) que aspira a ser un referente na mellora da convivencia veciñal.
Tras 17 anos na Policía Local de Pontevedra, regresou o 1 de xaneiro a Poio, onde comezou de auxiliar en 1996
No proceso de reorganización que afronta, dará prioridade a todo o relacionado coa prevención "como principal vector das súas actuacións". Coa idea de que "o mellor delito é o que non se chega a cometer", adianta que a Policía Local terá como labor xeral realizar todas aquelas funcións de carácter preventivo e baixo un programa que contempla accións específicas como "vixiar espazos públicos, atender suxestións de veciños, incrementar a seguridade nas contornas escolares, propoñer melloras na contorna urbana...".
Para logralo, non dubida que terán un papel crucial as novas tecnoloxías, consciente de que as innovacións tecnolóxicas permiten "dar unha resposta máis eficaz aos veciños", segundo avanzou nunha entrevista con PontevedraViva.
Optimismo e ilusión marcan esta nova etapa, pero recoñece que o traballo non será sinxelo e que a Policía Local de Poio ten moitos aspectos que mellorar, entre outros, que "o cadro de persoal é moi reducido". Non será unha actuación inminente, pero a medio prazo confía en que desde a administración local se reforce persoal convocando novas prazas para dar resposta ao incremento da poboación dos últimos anos. No seu caso, non chega como un incremento no persoal, senón que realizou unha permuta cun axente de Poio que quería irse a Pontevedra.
O seus retos: "Vixiar espazos públicos, atender suxestións de veciños, incrementar a seguridade nas contornas escolares..."
No seu traballo pesará moito a experiencia adquirida na súa etapa de Pontevedra entre 1999 e 2016 e en especial a que obtivo durante os dez anos (2006-2016) en que foi coordinador da unidade de Educación Viaria e do programa de Camiños escolares. Agora que regresa á que foi a súa casa cando se estreou como auxiliar entre 1996 e 1999, traballará para que os veciños e, en especial, os escolares, melloren a súa educación viaria.
A contorna dos centros escolares de Poio e a contorna urbana centrarán a súa atención, sen esquecerse do peso que ten a estrada PO-308 entre Poio e Sanxenxo. Neste viario, que aumenta considerablemente o seu volume de tráfico no verán, propoñerá impulsar unha mellora, para o que serán necesarios os contactos con outras administracións públicas competentes na súa xestión, tales como a Xunta de Galicia.
Con Duarte á fronte, a Policía Local de Poio poñerá en marcha campañas de solidariedade viaria, tenencia responsable de cans, seguridade na contorna dos centros escolares e educación viaria e prestará especial atención ás actuacións que permitan a protección das vítimas da violencia no ámbito familiar, violencia de xénero e protección ás persoas máis vulnerables (menores, terceira idade e persoas con discapacidade), colaborando estreitamente cos Servizos Sociais.